DESENVOLVEMENTO LOCAL
O goberno local e os comerciantes poñen en común os investimentos e as propostas de dinazamización do sector O concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou, presidiu onte unha sesión extraordinaria da denominada “Mesa de Comercio” na que participaron dende grupos políticos da corporación -PSOE, PP e BNG- a asociacións de distinto tipo: Zona Aberta, Centro Comercial, as dúas da praza da abastos e a de Amas de Casa. Por primeira vez, aínda que por vía telemática, asistiu tamén a dirección xeral de Comercio da Xunta de Galicia.
01.10.2024. A sesión tivo por obxecto poñer en común os distintos investimentos e actividades de dinamización que se veñen desenvolvendo na cidade para a promoción do comercio local e da praza de abastos, así como abordar os novos retos. Entre eles, a necesidade de que as dúas entidades de representación dos profesionais da praza traten de xuntar criterios, unha das condicións que se lle esixen para poder optar a distintas axudas e convenios. En calquera caso, dende os diversos representantes do sector recoñeceuse a labor que vén realizando o goberno local nos últimos anos no caso específico das prazas de abastos, tanto na de Vilagarcía como na de Vilaxoán, pero especialmente na primeira, onde, ademais das obras de mellora das instalacións con fondos europeos, tamén se incrementaron os servizos e se desenvolven constantemente campañas de animación. Todo iso derivou, por outra banda, na distinción do selo de mercado excelente outorgado pola Xunta de Galicia.
Na mesma reunión deuse conta das iniciativas en materia de Economía e Emprego, e especificamente do incremento nun 35% das axuda para emprendedores e a contratación de novos traballadores, plans que agora contan con 60.000 euros en cada unha das modalidades. Igualmente, informouse a todos os actores da inminencia da sinatura dun convenio coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía no eido do emprendemento e a formación.
Entre as iniciativas que o concello vén desenvolvemento nos mercados sustentables (fondos europeos) se destacaron as campañas de comunicación on line, a publicación dunha revista trimestral da praza de abastos, o fomento da economía circular e hábitos saudables, a compra de pantallas informativas e a adquisición dun vehículo eléctrico para o reparto a domicilio.
Tamén destacan as obras de reforma e modernización da praza da verdura, na que se están investindo outros 114.000 euros; a instalación de taquillas intelixentes para a recollida dos produtos de venda na praza; igualmente, dos puntos de recarga eléctrica de vehículos; os cursos de inglés para os praceiros; e a dotación de wi-fi na praza de abastos de Vilagarcía e de paneis solares en Vilaxoán.
Con cargo ás subvencións de mercados excelentes, Álvaro Carou ilustrou ás distintas entidades comerciais e aos representantes políticos sobre a adquisición de elementos para empaquetado e dunha nova máquina de xeo para Vilagarcía, e os novos frigoríficos da remozada praza de Vilaxoán.
A intención do goberno municipal é que a Mesa de Comercio se reúna máis dunha vez ao ano, como marca o seu propio regulamento, para impulsar unha maior participación de todo o sector na toma de decisións diante dun obxectivo común: que Vilagarcía siga sendo un referente do comercio de proximidade e cun alto grao de calidade.