FORMACIÓN
O concello ofrece tres contratos formativos por un ano dentro do plan +Formación da deputación O concello vén de convocar a selección de tres postos de traballo a través do programa +Emprega, da Deputación Provincial de Pontevedra. Trátase dun licenciado en Historia, outro en Educación Física (INEF) e un titulado de FP (auxiliar administrativo). Os contratos teñen a modalidade de formación e unha duración dun ano, a contar dende o 1 de novembro. O proceso selectivo xa está en marcha. Os interesados deben dirixirse ao Servizo Público de Emprego de Galicia para presentar os seus currículos. A intención do programa é ofrecer unha primeira experiencia laboral aos titulados universitarios ou de formación profesional no seu camiño cara a súa integración no mercado de traballo.
05.10.2024. Os tres contratos teñen xa establecido o seu destino: a Concellería de Cultura (licenciado en Historia), a Fundación de Deportes (licenciado en INEF) e Servizos Sociais (auxiliar administrativo). Nos dous primeiros casos, o nivel retributivo corresponde ao Grupo II (A2) e no terceiro, ao Grupo IV (C2). En total, o investimento do convenio de colaboración entre Deputación e Concello acada os 82.000 euros, dos que 36.000 son aportados pola administración municipal.
No caso de Cultura, o licenciado en Historia colaborará na planificación integral do departamento e na xestión das exposicións e da colección de arte municipal, e avaliará externamente os distintos proxectos que se desenvolvan.
O licenciado en INEF se integrará na Fundación. Alí, apoiará a planificación e desenvolvemento dos programas de adultos durante o inverno e no Verán Vilagarcía. Igualmente, participará na planificación e desenvolvemento dos eventos deportivos que organiza o concello, e colaborará na xestión da documentación presentada polos particulares e entidades a través da sede electrónica da propia Fundación.
Por último, o/a auxiliar administrativo/a (FP) apoiará todas as accións desenvolvidas pola área de Servizos Sociais. Deste xeito, se familiarizará con programas de xestión telemática, tanto propia como de relación con outras administracións: CIVIDAS, XIESS, ESCINF, etcétera.