EMPREGO
O Concello ofrece formación gratuíta para a pilotaxe profesional de drons STS con fins turísticos A Concellería de Emprego de Vilagarcía organiza un curso gratuíto de formación de pilotos profesionais de drons STS para a facilitar a súa integración laboral no sector turístico. O departamento oferta 15 prazas para participar na actividade que se desenvolverá en novembro en horario de tarde e que permitirá aos asistentes obter a titulación correspondente de pilotaxe de drons STS. As persoas interesadas teñen que inscribirse presentando unha solicitude xenérica de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello ou de forma telemática a través da sede.vilagarcia.gal. O trámite debe realizarse os días 14 e 15 de outubro.
07.10.2023.- A actividade enmárcase nas iniciativas favorecedoras da inclusión, capacitación e adquisición das competencias dixitais que desenvolve o departamento que dirixe Álvaro Carou como medio de promover o emprego en novos nichos laborais relacionados coas novas tecnoloxías, e cuxa formación, ademais de escasa, resulta difícil de realizar debido ao alto prezo da mesma.
As clases correrán a cargo da empresa Telore/Aeromar Drones. Cunha duración de 52 horas lectivas, as sesións teóricas impartiranse no Centro Municipal de Formación de Matosinhos, do 8 ao 29 de novembro, os luns, mércores e venres en horario de 16 a 20 horas. As prácticas realizaranse durante as fins de semana, estando prevista a elaboración dunha videoreportaxe para a promoción turística do Concello con vistas tomadas cos drons.
Ademais de ter cumpridos os 18 anos de idade, os requisitos para poder participar no curso son dispoñer de certificado dixital e dun dispositivo electrónico (tableta ou ordenador portátil) para a realización dos exames oficiais de pilotaxe de drons STS.
Como é costume, en caso de recibirse máis solicitudes que prazas dispoñibles, as mesmas adxudicaranse mediante sorteo público a través de aplicación informática e do que se levantará acta. Realizaríase o día 29 de outubro ás 10.30 horas no Salón de Plenos do consistorio. O resultado publicarase na sede electrónica do Concello.
Este será o segundo curso de pilotaxe de drons que organiza o Concello de Vilagarcía. A raíz do primeiro, varios dos alumnos participantes crearon a asociación Dronámbulos, colectivo aberto á todas as persoas afeccionadas a pilotar este tipo de tecnoloxía con uso profesional ou lúdico, e que tamén informa sobre a normativa e requisitos para a utilización destes dispositivos. De feito, os membros de Dronámbulos poderán asistir a este novo curso en calidade de colaboradores, asesores ou oíntes.
A formación organízase a través do convenio que o Concello de Vilagarcía ten subscrito coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Fegamp de cara á xestión do Plan de Reforma e Ampliación da rede de aulas CEMIT na procura da plena capacitación dixital da sociedade galega no período 2022-2025.