CONCELLO
Adxudicadas as obras para acondicionar o novo estacionamento disuasorio na Lomba No marco da estratexia do Vaicar!, o Concello de Vilagarcía vén de adxudicar as obras que permitirán abrir un novo aparcamento disuasorio na zona da Lomba. O contrato a realizar pola empresa Construcciones, Obras y Viales S.A. (Covsa) cun importe de 48.383,29 euros ten como finalidade acondicionar o solar municipal de Desamparados para crear 83 novas prazas de estacionamento público e gratuíto. Os traballos teñen un prazo de execución dun mes e fináncianse a través dos fondos europeos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e máis en concreto, dentro da liña de actuacións para a Transferencia do modelo turístico cara á sustentabilidade.
07.10.2024.- A nova bolsa de aparcamento emprazarase nos terreos que lle corresponderon ao Concello en concepto de cesións polo desenvolvemento urbanístico do Bosque de Desamparados. Trátase dunha parcela municipal de 2.873 metros cadrados de superficie situada detrás da Escola Oficial de Idiomas e o campo de fútbol da Lomba.
Os traballos a realizar por Covsa consistirán no movemento e retirada da terra vexetal, a nivelación do terreo e a apertura da caixa para o novo firme, que se construirá cunha base de saburra artificial e firme de xabre. O perímetro delimitarase con bordo de formigón, material que tamén se utilizará para construír a rampla de entrada e saída do aparcamento pola rúa Desamparados, na súa zona máis próxima ao campo de fútbol. A actuación completarase coa instalación das correspondentes canalizacións para a recollida de augas pluviais e a construción de tres pozos de rexistro.
A rede de aparcamentos do Vaicar!
Este non será o único disuasorio que o goberno de Alberto Varela ten previsto abrir na zona da Lomba nos vindeiros meses. De feito, tamén proximamente se estreará outro na rúa Xunqueira, neste caso, nunha parcela privada con cuxa propiedade o executivo asinou un convenio de colaboración similar aos que funcionan dende hai anos para crear as bolsas de aparcamento público detrás do colexio do Piñeiriño, na avenida Rosalía de Castro, nos Duráns, na Finca Douro, na rúa Concha, en Marxión ou na Golpelleira.
A estas sumaranse a curto prazo un segundo disuasorio nos Duráns e outro na rúa Castillejos, en Carril. Ademais, a rede do Vaicar!, unha das patas do Plan Municipal de Mobilidade Sostible de Vilagarcía, o Vai!, complétase co párking soterrado de Xoán XXIII -que o Concello xestiona xa dende hai meses e onde está previsto crear bonificacións- e no futuro co da Concha, unha vez se traslade de alí o depósito da Policía Local.