PROTECCIÓN CIVIL
O Concello nutre con 65.000 euros a Protección Civil para seguir contando “coa excelente labor que presta a Vilagarcía” O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o presidente da agrupación local de Protección Civil, Francisco Guillán Busto, asinaron este mediodía unha nova edición do convenio de colaboración entre o Concello e o colectivo de voluntarios. A administración local aporta 65.000 euros á formación a cambio de que esta realice determinadas labores complementarias e en colaboración ao traballo que desempeña o Servizo Municipal de Emerxencias. O rexedor manifestou que con esta axuda anual “o Concello quere garantir que Protección Civil continúe prestando a excelente labor que fai en Vilagarcía e que conta co recoñecemento unánime de todos os veciños e veciñas da nosa cidade”.
07.10.2024.- Guillán Busto recoñeceu que a achega do Concello é, con moita diferenza, a maior que recibe a agrupación local, a que realmente lles permite continuar funcionando a diario e seguir renovando os recursos materiais que a converten nunha das mellor dotadas de toda Galicia.
Pola súa banda, o rexedor comentou que apoiar a Protección Civil para que manteña o elevado nivel que ten acadado foi un obxectivo claro dende os inicios do seu mandato. De aí que dende 2015 se lle teña incrementado o montante do convenio en 25.000 euros ata sumar os 65.000 actuais.
Sobre á finalidade dos fondos, o presidente do colectivo explicou que cada ano se destinan ás necesidades que se van detectando. Nesta ocasión, unha partida importante dedicarase á adquisición de equipos de comunicación, tamén se renovará o vestiario e se financiarán os gastos correntes da agrupación (seguros, gasolina, etc…).
Como contrapartida á axuda, Protección Civil encargarase de organizar simulacros e revisar os plans de emerxencia dos centros educativos e dos edificios do Concello, así como a formar aos empregados municipais en materias do seu ámbito. Tamén colaborarán nos operativos que impliquen grandes concentracións humanas, actividades deportivas e culturais, e prestarán servizo coa ambulancia da súa propiedade, tanto a efectos preventivos, como en traslados sanitarios. Por outra banda, realizarán un plan de formación adecuado aos novos voluntarios e outro de nivel superior para os veteranos. Ademais, cando se considere necesario, cederán en uso todos os medios materiais dos que dispón a agrupación para a realización de labores de emerxencias e protección civil.
Na actualidade a agrupación está composta por 36 voluntarios, un número que foi maior hai uns anos, pero que agora “é estable, e os que somos, estamos operativos de forma constante”, indicou o presidente.
Tanto o alcalde como Guillán Busto salientaron a circunstancia de que o colectivo de voluntarios –un dos máis antigos de Galicia- teña emprazada a súa sede nas mesmas instalacións que o Servizo Municipal de Emerxencias, traballando de forma coordinada e complementaria. Isto fai que as súas actuacións se optimicen ao máximo para ofrecer un servizo da maior calidade, “o que se valora sempre, pero máis en situacións nas que precisamos axuda de forma rápida e eficaz”, apuntou Varela. Por todo isto, o alcalde rematou o acto trasladando á agrupación local de Protección Civil “o agradecemento de toda Vilagarcía e de todos os vilagarciáns e vilagarciáns”.