CULTURA
O violinista Ara Malikian regresa en primavera ao Auditorio de Vilagarcía no marco da súa nova xira, “Intruso” Tres anos despois do éxito acadado na súa primeira actuación en Vilagarcía, o prestixioso violinista Ara Malikian regresará ao Auditorio Municipal da capital arousá o día 3 de maio, sábado, ás 20.00 horas. O intérprete recoñecido internacionalmente ofrecerá un concerto no marco da súa nova xira, que leva por título “Intruso”, na que explora a súa propia traxectoria vital e como esta inflúe na súa música.
09.10.2024.- As entradas para o espectáculo están á venda dende hoxe, 9 de outubro, en http://www.ataquilla.com . Os prezos son de 60 euros (zona A), 56 (B) e 46 (C), máis gastos de xestión. En caso de non esgotarse antes, tamén se poderán comprar o mesmo día na billeteira do Auditorio.
Esta nova actuación de Malikian en Vilagarcía será, sen dúbida, un dos maiores acontecementos culturais do ano, e unha ocasión case única de poder apreciar o virtuosismo do que moitos consideran o mellor violinista do mundo. Como xa o demostrara ante o público vilagarcián en 2021, as súas interpretacións caracterízanse pola espectacularidade e pola forza que sempre imprime aos seus concertos, nos que a música clásica, o rock e o folclore de distintas culturas resoan con mestría.
“Intruso” é un espectáculo moi persoal no que Malikian parte da súa angustia inicial por non encaixar en ningures, para ir evolucionando co tempo ata chegar a abrazar a riqueza da súa identidade multicultural, e atopar o seu fogar no mundo enteiro a través da arte e da música.
“No Líbano non me consideraban suficiente ‘libanés’ porque era de orixe armenia; os armenios non me consideraban suficiente ‘armenio’ porque nacera no Líbano; cando me establecín en Europa non me consideraban ‘europeo’ porque non nacera en Europa”.
Esta experiencia reflectiuse tamén na súa relación coa música, facendo que cada nota resoase coa nostalxia dun fogar que non existía e dun lugar no que non terminaba de encaixar.
Con todo, esta condición de “intruso” brindoulle a oportunidade de explorar e gozar de músicas e culturas fascinantes, alleas á súa propia tradición, e que lle permitiron atopar a súa propia voz a través da súa multiculturidade.
“Grazas á miña condición de ‘intruso’, descubrín que o mundo enteiro é o meu fogar. A miña casa está no meu corpo e na miña alma, un espazo infinito onde a identidade se transforma e a música se converte nunha linguaxe universal.”