TRÁFICO
Tráfico arranca en Vilagarcía unha campaña de concienciación sobre as distraccións na condución, que están detrás de 1 de cada 3 accidentes graves A xefatura provincial de Tráfico arrancou hoxe en Vilagarcía unha nova campaña de concienciación sobre as distraccións ao volante, que, segundo manifestou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, está detrás de 1 de cada 3 accidentes con feridos graves ou mortos. No dispositivo montado no cruce de Rubiáns, na estrada de Vilagarcía á capital da provincia participaron hoxe varios coches patrulla e efectivos da Garda Civil e da Policía Local. As multas polo uso de móbiles e similares van dos 3 aos 6 puntos de carné e dos 200 ao 300 euros.
101.10.2024. Os centenares de condutores que cada día transitan pola estrada de Vilagarcía a Pontevedra víronse hoxe sorprendidos polo enorme despregue de medios que había ao final da recta de Rubiáns e en ambos sentidos. Mentres o subdelegado do Goberno e o alcalde presentaban a campaña, varias decenas de vehículos de todo tipo foron sometidos a control. Abel Losada xustificou a medida porque “estamos vendo que é unha das causas dos accidentes graves. Trátase de concienciar de que os móbiles, as pantallas e ata o feito de acender un ‘pitillo’ ou comer ou beber, son un elemento de risco ás veces tan importantes como un exceso de velocidade”.
Neste sentido, o representante do executivo central deu datos que despexan calquera dúbida: as distraccións están detrás de 1 de cada 3 accidentes con feridos graves ou mortos. Losada lembrou tamén que en enquisas da propia DXT, tres de cada catro condutores manifestan que se distraen, collendo o teléfono, inxerindo bebidas ou comidas e ata contestando wasaps (así o recoñecen 1 de cada 4). “Son condutas de alto risco”, subliñou. E por iso non é de estrañar que só no primeiro semestre do ano, na provincia se interpuxeran 1.800 denuncias relacionadas con distraccións na condución, “normalmente relacionadas coa telefonía móbil”, indicou Abel Losada.
Pola súa banda, o alcalde, Alberto Varela, agradeceu a colaboración que hai normalmente entre Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil tanto en seguridade cidadá coma vial. As novas tecnoloxías, argumentou, supoñen un avance moi importante para a nosa sociedade, “pero tamén teñen unha parte negativa. Estamos falando de vidas humanas e cando collemos unha chamada non só nos poñemos en risco nós, que imos ao volante, senón as persoas que van con nós e as que tamén circulan pola estrada e que poden ser vítimas inocentes da nosa distracción”. Por esa razón, Varela celebrou que se desenvolvan campañas como a que hoxe comezou en Vilagarcía. Pero, ao fío, advertiu que en Vilagarcía “tomámonos moi en serio as políticas de seguridade vial e por iso apostamos por unha cidade na que se prioriza a seguridade das persoas por riba das comodidades dos condutores”. Puxo como exemplo os límites de velocidade a 30 quilómetros por hora nas rúas, os redutores de velocidade para o calmado de tráfico ou os espazos humanizados onde os peóns son o primeiro. “Un accidente, segundo a que velocidade, pode supoñer un lixeiro susto ou unha vida humana. Cunha distracción pode ocorrer o mesmo”, rematou.
Para remarcar a importancia destas condutas de risco, a xefa provincial de Tráfico, Paula Lluvero, informou que segundo a norma aprobada en 2021, soster un teléfono na man mentres se conduce implica unha sanción de seis puntos e douscentos euros. No caso de que non se sosteña pero se estea utilizando igual, son tres puntos e douscentos euros, a mesma sanción que se aplica para o uso de auriculares.