CONCELLO
O Coro Liceo lembra a Ana Padín Castro cun concerto cheo de “Emocións e sentimentos” O Coro Liceo regresa ao Auditorio de Vilagarcía este venres, 18 de outubro, cun concerto moi especial en recordo de Ana Padín Castro, unha das fundadoras da formación e membro da mesma durante 44 anos. Co título “Emocións e sentimentos”, a homenaxe musical incluirá obras de todos os tempos, unhas xa habituais no repertorio da coral e outras de recente incorporación, ás que se unirán temas cunha gran simboloxía e especialmente dedicadas á persoa honrada. Os responsables da montaxe aseguran que será unha función “moi bonita e emocionante, triste e alegre á vez, que seguro que vai a gustar moito”. Alejo Amoedo fará o acompañamento ao piano e a dirección correrá da man de Josefa Dorado.
14.10.2024.- O espectáculo presentouse este mediodía no Concello coa presenza da concelleira de Cultura, Sonia Outón, o director de escena, Pepe Álvarez, e os membros do elenco, José Luis Sanz e Rafa Canabal.
Álvarez explicou que este concerto comezaron a preparalo coa idea de representalo hai un ano, aínda en vida de Ana Padín, pero a oportunidade de realizar unha ópera en Vilagarcía e Santiago obrigou a deixalo para este 2024. O proxecto retómase agora cunha lixeira adaptación para lembrar á malograda contra alto da formación. Por iso, entre as dúas partes que xa tiñan programadas en 2023 farase un aparte con temas relacionados e dedicados a Ana. Tanto Álvarez, como Sanz e Canabal destacaron a gran personalidade que tiña Padín Castro, “unha muller dinámica, moi alegre e sempre positiva; á que o Coro Liceo lle debe moitísimo”. Explicaron que, ademais de ser unha das fundadoras, foi a primeira presidenta que tivo o Coro Liceo cando se desligou do Casino, “e cando outros lle demos relevo, sempre estivo aí ao fronte, colaborando como o que máis”.
As entradas para o concerto “Emocións e sentimentos” pódense adquirir anticipadamente a través da plataforma http://www.ataquilla.com ao prezo de 6 euros para as zonas A e B do patio de butacas, e de 5 para a C (máis gastos de xestión). De non esgotarse antes, tamén se poderán comprar na billeteira do Auditorio o día da función a partir das 19.00 horas.