PATRIMONIO
Vilagarcía incorpora ao seu patrimonio unha cetaria romana e a porta litoral do Castro de Alobre, tralo acordo con Mercadona, que investirá outros 65.000 euros na musealización O Concello de Vilagarcía acaba de incorporar ao seu patrimonio dous elementos fundamentais para explicar a súa orixe e evolución. Trátase dunha cetaria romara e da porta litoral do Castro de Alobre. Foi posible grazas ao convenio asinado con Mercadona SA, que esta a piques de abrir o seu novo establecemento na avenida de Valle Inclán. A empresa cede mil metros cadrados e investirá 65.000 euros máis na musealización, que inclúe novas escavacións durante dous anos máis.
21.10.2024. Na presentación do convenio, o alcalde, Alberto Varela, non evitou expresar a súa ledicia polo acordo, xa que supón garantir “a conservación e preservación do noso patrimonio cultural e histórico, que explica a orixe de Vilagarcía. É importante, porque nos axuda a saber de onde vimos, pero tamén ten unha vertente económica non menos importante”. Co pacto, o que se consegue é integrar os restos arqueolóxicos atopados ao parque Valdés Bermejo, de onde se accederá ao xacemento, e ao castro de Alobre.
O alcalde agradeceu a comunicación “fluída” con Mercadona e con A Citania, a empresa encargada de realizar as escavacións e de vixiar que a construción do supermercado en ningún caso afectase ao xacemento, como así esixiu sempre a Xunta. Froito dese convenio, Mercadona cede por 50 anos o uso dunha parcela de 1.016 metros cadrados e, ademais, financiará a continuación das prospeccións por dous anos máis e a musealización do achado, o que suporá un investimento de 65.000 euros.
Pola súa banda, Mariña Rivas, directora de Relacións Institucionais da empresa de distribución alimentaria, manifestou que están “moi satisfeitos” por contribuír tanto ao achados como a súa preservación. “Coñecer o noso pasado axúdanos a construír un presente e un futuro mellor. Estamos moi orgullosos deste acordo. Imos continuar coa escavación e a musealización. Cremos que era o noso deber como empresa facilitar as cousas co Concello e con Patrimonio”, dixo, para engadir que ás veces as relacións son complicadas porque hai moitos intereses distintos en xogo, “pero aquí foi moi doado porque había un obxectivo común, poñer en valor o xacemento arqueolóxico e sobre todo, coidalo, mantelo e poñelo a disposición dos veciños de Vilagarcía”. Mariña Rivas agradeceu aos técnicos de A Citania os seus consellos “e que nos transmitiran o seu entusiasmo polo que alí hai o que pode haber. Para nós foi unha gran axuda para poder tomar decisións. O proceso foi complicado, pero ao final o importante é que que se preservará o xacemento e que os vilagarciáns poidan desfrutalo”, concluíu.
Por último, Israel Picón, arqueólogo e responsable de A Citania, resumiu o longo proceso, de seis anos, que rematou con este pacto. “Para nós é un día moi feliz”, recoñeceu. Picón lembrou que todo comezou en 2018, cando dende Mercadona lle pediron un informe sobre una parcela na que tiñan a idea de levantar un novo supermercado. “Unha parcela enorme e documentada, a necrópole de Arealonga e á beira o famosísimo castro de Alobre, no que traballaron moitísimos compañeiros”. A partir de aí comezaron as negociacións con Patrimonio da Xunta e con Mercadona. Chegaron a facerse 18 escavacións manuais e 14 mecánicas, abarcando máis de 300 metros cadrados. Foi así como apareceu primeiro a cetaria, que xa se sabía que existía, pero en mellor estado do que se prevía; e despois, a porta litoral do Castro de Alobre. A medida que ían avanzando os achados, foi necesario ir ampliando a área de protección e novos proxectos arqueolóxicos, e así ata nove. “Facede o que teñades que facer”, dixo Israel Picón respecto da actitude da empresa, á que agradeceu a súa sensibilidade. “O que ocorreu con esta parcela é algo único en Galicia”, resumiu.
Descarga aquí o infográfico explicativo do xacemento: