MEDIO AMBIENTE
O alcalde esixe a Costas e a Portos de Galicia que se aclaren sobre a titularidade da praia do Preguntoiro, en Vilaxoán O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, dirixiu hoxe sendas cartas ao Servizo Provincial de Costas e ao ente público Portos de Galicia para que aclaren dunha vez a quen corresponde a competencia sobre a praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, pendente da súa rexeneración dende hai varios anos (a última intervención foi en 2015). O alcalde esixe unha aclaración inmediata e, ante todo, que, con independencia do titular, o areal debe estar rexenerado antes da vindeira temporada estival. Como se sabe, O Preguntoiro chegou a gozar do distintivo da Bandeira Azul.
24.10.2024. As misivas do rexedor xustifícanse nas novas coñecidas hoxe sobre a resposta de Costas do Estado a unha pregunta parlamentaria sobre o caso da praia vilaxoanesa. Segundo esa contestación, a práctica totalidade do espazo do Preguntoiro está transferido a Portos de Galicia, quedando polo tanto baixo a competencia deste organismo as actuacións a realizar.
Diante das diferentes versións, Alberto Varela esixe a un e outro organismo que aclaren a situación competencial e, en calquera caso, urxe a necesaria rexeneración do areal vilaxoanés.