CONSUMO
O Mercado das Flores, que acada xa 15 edicións, abrirá o vindeiro martes e permanecerá aberto catro xornadas, incluído o día de defuntos O xa tradicional mercado de flores que con motivo do Día de Defuntos se organiza ao carón da praza de abastos, abrirá as súas portas o vindeiro martes, día 29, e permanecerá aberto ata o día de Defuntos, 1 de novembro, cun amplo horario para facilitar as compras. Será de nove da mañá a oito da tarde, de xeito ininterrompido. O día 1 unicamente funcionará pola mañá, de nove a dúas da tarde. O mercado, que este ano cumpre as súas primeiras quince edicións, se celebrará baixo a cuberto, nunha carpa, a salvo de calquera inconveniente meteorolóxico.
Como vén sendo habitual, na iniciativa participarán as floristas profesionais que habitualmente traballan na praza de abastos e nos mercados semanais (Flores Lorena, Maricarmen, Victoria, Rosalía e Inés), baixo a carpa do paseo de García de Caamaño ofrecerán as súas flores “de colleita propia” un grupo de campesiñas que tamén adoitan vender os días de mercado.
A proposta comercial, que parte das propias profesionais, conta coa colaboración do Concello, a través de Promoción Económica, que se encarga de toda a intendencia arredor do evento (electricidade, limpeza, montaxe, publicidade, etcétera).