MEDIO AMBIENTE
O concello opta a manter as "tres flores" no certame que promove a Fundación Juana de Vega, "Vilas en flor" O Concello de Vilagarcía opta un ano máis a ver recoñecida a súa aposta por poñer en valor a riqueza natural e paisaxística do territorio, a través de proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúcidos, que este é o obxecto do certame "Vilas en Flor". O concurso, promovido pola prestixiosa Fundación Juana de Vega, fallarase a mediados de novembro en Salvaterra de Miño e dous membros do xurado estiveron estes días na cidade para coñecer máis de cerca as propostas locais. Trátase dun histórico viveirista, Manuel Fontán, do Centro de Xardiñería Xesteiriña de Sanxenxo e da empresa Xenebro, do Grove, e do enxeñeiro técnico agrícola Amancio Lavandeira, profesor de paisaxismo e medio rural na Escola de Fonteboa.
28.10.2024. Acompañados dos concelleiros de Medioambiente e de Servizos, Diego García e Lino Mouriño, e da responsable do servizo de parques e xardíns, os avaliadores de Juana de Vega fixeron un percorrido pola cidade, partindo da praza de Ravella para concluír no parque do Castriño, pasando pola praza da Independencia, de Galicia, Vistalegre e Alobre. Os membros do xurado avaliaron o esforzo municipal por dotar de máis verde as zonas peonís e tamén a combinación do coidado do patrimonio histórico e natural. Tamén se amosaron moi interesados na pioneira actuación da praia da Compostela para a eliminación do "cadillo".
O certame de Vilas en Flor busca recoñecer as iniciativas máis salientables dos concellos en materia medioambiental dentro das contornas urbanas. O ano pasado, Vilagarcía logrou por primeira vez tres flores, das catro que é posible acadar, o que para o goberno local significa un aliciente á hora de seguir traballando na mesma liña.