PATRIMONIO
O CSIC inicia as prospeccións na zona sur do Castro de Alobre para coñecer a verdadeira extensión do xacemento O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) comezou hoxe unha serie de prospeccións na zona Sur do Castro de Alobre coa intención de coñecer a verdadeira extensión do xacemento. A execución dos traballos faise a través do Instituto de Ciencias de Patrimonio, baixo a dirección técnica do arqueólogo Carlos Otero, Vilariño e a científica de César Parcero Oubiña, doutor en Historia e científico titular do CSIC. Ambos, Otero e Vilariño, son, xunto co Felipe Criado, os autores do atlas arqueolóxico da paisaxe galega.
29.10.2024. Os obxectivos da investigación, dentro da denominada "área de respecto" da zona de delimitación do Castro de Alobre, son dous. Por unha banda, coñecer se as estruturas do castro superan a dos recintos coñecidos, o que parece moi probable posto que a chaira sobre a que se vai actuar estaba emerxida antes dos recheos modernos e ademais coincide co istmo que orixinalmente unía o poboado á terra. O segundo obxectivo é comprobar se esa zona tivo ou non unha ocupación posterior á propia da época castrexa.
Paralelamente, os técnicos do Incipit queren testar a eficacia dos modernos aparellos de relevamento de precisión, a teledetección e a xeofísica con gradiómetro, nun contexto periurbán como é o caso do zona Sur do Alobre. Trátase, polo tanto, de facer unha prospección usando métodos non invasivos, ou sexa, sen ten que escavar, como por exemplo si se fixo hai pouco noutra parcela preta do castro, onde se está a construír o supermercado Mercadona. Neste caso, vaise facer unha especie de "mapeado" dos espazos de maior potencial arqueolóxico; no mellor casos, poderase incluso indicar onde se emprazan estruturas concretas. Obviamente, se os resultados das indagacións son positivos, o traballo ofrecerá nova información moi valiosa para actualizar a interpretación do castro e, por suposto, servirá de base para futuras campañas de escavacións.
Así pois, nos vindeiros días, aqueles que adoitan pasear pola zona verán que a enorme finca ligada ao pazo de Vistalegre e o Castro de Alobre vaise cuadriculando en parcelas de 30x30 metros combinadas con outras de 20x20, que se someterán a distintos procesos. Partindo dun levantamento topográfico xeral de precisión, farase unha prospección xeofísica con gradiómetro, parcela a parcela; logo, outra por xeoradar nas zonas de especial interese; e incluso, segundo como evolucionen os resultados, podería facerse unha prospección remota por detección remota, é dicir, multiespectral e térmica, utilizando un dron.
Os traballos parten dun convenio da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas coa Deputación de Pontevedra. O Concello solicitou, en concorrencia competitiva, participar nese proxecto, sendo elixida a súa candidatura. Ademais, o goberno local colaborou co indispensable rozado da finca para facilitar a teledetección e a aplicación do xeoradar, e facilitando e xestionando os permisos dos propietarios dos terreos, que tamén o son do pazo do Vistalegre.