CONCELLO
O concello renderá homenaxe a cinco veciños, catro deles asasinados, que foron deportados a campos de concentración nazis O Concello renderá homenaxe a cinco vilagarciáns que, como consecuencia da Guerra Civil e da persecución posterior aos derrotados, foron deportados e acabaron en campos de concentración nazis. Salvo un, que foi liberado en 1945, unha vez concluída a II Guerra Mundial, os demais foron asasinados no campo de concentración de Gusen, complementario do de Mauthansen, a apenas 5 quilómetros do anterior na Alta Austria. Precisamente mañá, 31 de outubro, é do "Día de Recordo e Homanaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra e a Ditadura", establecido na Lei de Memoria Democrática, ao que o goberno local quere sumarse con esta iniciativa.
30.10.2024. Os homenaxeados son:
- ANTONIO LAMAS JUEGUEN. Nado en 1912, en Vilaxoán, exiliouse a Francia en 1939. Foi deportado en 1944 a Buchenwald (Weimar, Alemaña) e liberado ao ano seguinte. Foi o único que sobreviviu, falecendo en Sète (Francia) en 1989. - RAMÓN DIZ RIVAS. Como anterior, tamén de Vilaxoán, onde nacera en 1897. Foi deportado a Mauthausen en 1940 e asasinado en xaneiro de 1944 en Gosen. - JOSÉ GARCÍA RODRÍGUEZ. Do Carril (1914), deportado a Mauthausen. Faleceu asasinado, tamén en Gusen, en 1941. - ANTONIO QUINTÁNS ROMERO, nado en 1909 no Carril, foi deportado a Mauthausen en 1940 e asasinado en Gusen en marzo de 1942. - FRANCISCO VARELA LOUREIRO, de Vilagarcía. Deportado primeiro a Angulema (Francia), para terminar en Gusen, aquí foi asasinado en abril de 1941.
Para facer homenaxe a os cinco vilagarciáns, o concello se sumará á iniciativa posta en marcha nos anos 90 do século pasado polo artista alemán Gunter Demnig. Trátase das denominadas "Stolperstein", as "pedras do tropezo", en tradución do alemán. Son unha especie de "adoquíns" de 10x10x10 centímetros que na parte superior levan unha tapa de latón coa inscrición "Aquí viviu..." e despois o nome da vítima dos nazis, a data de nacemento e a identificación do campo ao que foi deportado e, no seu caso, asasinado. A intención de Demnig é que esas pequenas pedras sobresaian lixeiramente, de aí o apelativo "do tropezo", o que, unido á cuberta metálica, "obriga" ao camiñante a prestar atención e, chegado o caso, a inclinarse para coñecer o que alí se conta, un xesto que non deixa de ser un recoñecemento ás vítimas.
As "stolperstein" están presentes en rúas e prazas de máis de vinte países e se calcula que xa se instalaron unhas 100.000, de xeito que se considera o maior monumento descentralizado do mundo. No caso de Vilagarcía de Arousa, as pedras serán instaladas na praza da Liberdade no Carril, na de Rafael Pazos en Vilaxoán, e na intersección das rúa Valentín Viqueira con Rey Daviña, en Vilagarcía.
Ademais da labor de documentación, o concello xa contactou, cando foi posible, con algúns dos familiares das vítimas, que coñeceron de primeira man a intención do concello. As "stolperstein" serán instaladas unha vez que se culmine o proceso de compra, que ten o seu propio protocolo por tratarse dun proxecto artístico e memorialístico.