URBANISMO
O concello estudará unha segunda fórmula para Veiga do Mar cunha soa beirarrúa e conservando máis prazas de aparcamento na parte alta O concello estudará unha segunda fórmula para a reforma integral de Veiga do Mar, que consistiría en habilitar unha soa beirarrúa e non dúas, como estaba no anteproxecto, o que, á súa vez, permitiría manter algunhas das prazas de aparcamento existentes hoxe. Esta foi unha das principais reivindicacións dos preto de cincuenta veciños e veciñas, ademais de políticos de todas as formacións, que participaron no encontro celebrado onte no centro sociocultural do Preguntoiro. Sobre o que si existe certo consenso é sobre a primeira fase, ao longo do muro da vella fábrica de Peña (hoxe Mejillones Ría de Arosa), que será recuado, e actuacións nas rúas Almirante Fontán e Sartaxes, que gañarán un parking disuasorio. Igualmente, houbo unanimidade en reclamar da Xunta que habilite a regulación semafórica no entronque de Veiga do Mar coa avenida de Vilanova.
06.11.2024. Na reunión de onte, que durou máis de dúas horas, os técnicos da consultora Traza foron tomando notas de todas e cada unha das intervencións veciñais e de representantes de todos os grupos políticos. Porque diso se trataba: o presentado onte era un anteproxecto como documento base para coñecer a opinión veciñal, especialmente dos residentes, antes de avanzar cara ao proxecto definitivo. Houbo consenso en que Veiga do Mar presenta certos perigos para os viandantes pola presenza regular de transportes pesados e que é preciso actuar. Pero tamén houbo discrepancias sobre ata onde debe chegar esa intervención.
Os técnicos apostan por priorizar a seguridade e a accesibilidade, con medidas de calmado de tráfico e creación de espazos habitacionais (mobiliario urbano, árbores, etcétera). Sen embargo, houbo veciños que manifestaron a súa preferencia por manter o maior número de prazas de aparcamento posibles, especialmente na parte alta, a máis preta á avenida de Vilanova. Malia que o parking disuasorio quedará a apenas 3 minutos das vivendas, hai quen segue considerando que é lonxe e incómodo. De aí xurdiu a compromiso de estudar unha segunda fórmula para Veiga do Mar, cunha única beirarrúa, e non dúas como estaba planeado no anteproxecto. En calquera caso, quedou claro que o espazo é o que é, e que salvo na conxuntura da antiga fábrica de Peña, con cuxos propietarios xa chegou a un acordo o goberno de Alberto Varela, no resto é practicamente imposible unha ampliación do vial.
Varios veciños expresaron a necesidade de buscar unha alternativa ao feito de que o autobús urbano teña que facer unha manobra de marcha atrás para dar a volta na mesma rúa, apostando por unha liña circular que continuara ata o centro de Vilaxoán. A concelleira de Urbanismo, Paola María, comprometeuse a trasladar esa proposta tanto á empresa -concesionaria como á Xunta, que ten as competencias sobre o deseño e autorizacións das liñas de transporte.
UNANIMIDADE NA RECLAMACIÓN DE SEMÁFOROS Onde si que non houbo discrepancia é na necesidade de que o cruce, a entrada e saída de Veiga do Mar dende e ata a avenida de Vilanova, sexa dotado de regulación semafórica; unha medida que veñen reclamando os veciños e o propio goberno local dende hai anos. Os propios técnicos recoñeceron que é preciso que o executivo autonómico autorice a intervención que planean no entronque de rúa e avenida, con illas que incrementarán a seguridade peonil e facilitará as manobras dos vehículos, especialmente os pesados.
A concelleira de Urbanismo, Paola María, púxose hoxe mesmo en contacto coa Xunta para transmitir esa reclamación unánime, porque -insístese- a avenida de Vilanova debe ser tratada como o que é, unha avenida ou travesía urbana dentro dunha estrada autonómica e iso esixe, precisamente, a regulación semafórica. Non hai que esquecer, ademais, que Veiga do Mar é o principal acceso a Vilaxoán e o seu porto, de titularidade autonómica, dende o Sur, e que xunto ao porto hai catro empresas que sustentan boa parte da economía local. O concello xa iniciou o trámite de autorización e nos vindeiros días Paola María manterá unha reunión cos técnicos da Xunta para avanzar nesta iniciativa.