INFRAESTRUTURAS
O concello inviste máis de 12.000 euros en dotar de infraestruturas deportivas ao areal da Concha-Compostela e 17.000 no parque das Gaivotas, en Vilaxoán O recuperado areal da Concha-Compostela verá instaladas moi pronto as primeiras infraestruturas para facilitar a práctica deportiva. Trátase de todos os elementos necesarios para crear dous campos de fútbol, un de balonmán-praia e dous máis de voleiból. En total investiranse 12.343,44 euros en porterías, postes, redes e cintas para delimitar os campos. Por suposto, todos os elementos serán facilmente desmontables, primeiro, para facilitar outros usos da praia cando sexa necesario, e segundo porque a propia Lei de Costas impide que existan elementos permanentes no areal. A intención do concello é seguir investindo na dinamización do areal, tanto en infraestruturas coma en actividades, posto que a praia constitúe un atractivo turístico pero tamén é un dos lugares preferidos dos vilagarciáns para o lecer e a vida saudable.
7.11.2024. Nesta liña de coidar, mellorar e ampliar as áreas de recreo, o goberno local aprobou tamén investir outros 17.000 euros no parque infantil anexo á urbanización das Gaivotas, en Vilaxoán, e 6.000 máis no parque canino do barrio do Piñeiriño. No primeiro caso, a actuación consistirá na restauración de todos os elementos alí existentes, dende a randeeira e o tobogán ata as torres, o balancín ou a casiña de xogos. Todas as pezas que estean deterioradas serán substituídas por outras novas e finalmente todos os elementos serán repintados antes de devolvelos ao seu lugar orixinal. Igualmente, será restaurada a varanda que ao longo de 64 metros lineais pecha o recinto.
No caso do parque canino do Piñeiriño, o investimento consistirá en dotar a este espazo dun circuíto con slalom, túnel, roda, salto de altura e balancín, ademais dun valado todo arredor e un cartel explicativo, seguindo, pois, o exemplo doutros recintos similares xa existentes no municipio como o Fexdega, por exemplo. O investimento, nesta ocasión, é de 5.900 euros.