CULTURA
Yamil Quijada unirá Galicia e Venezuela con un espectáculo baseado nos boleros de sempre O auditorio de Vilagarcía acollerá o vindeiro día 30, sábado, un espectáculo pouco habitual, ademais de gratuíto. Titúlase “Recuerdos” e estará protagonizado por Yamil Quijada, un venezolano que se sinte un vilagarcián máis despois de 35 anos vivindo na localidade. A través dos boleros de sempre, “únicos e inesquecibles”, Yamil, acompañado doutros seis músicos, tratará de construír unha ponte cultural e espiritual entre Galicia e Venezuela.
07.11.2024. O espectáculo comezará ás 20:00 horas e a asistencia é libre e gratuíta, grazas ao patrocinio da Concellería de Cultura, que dirixe Sonia Outón. Ela mesma destacou a importante colonia venezolana que hai en Vilagarcía, con preto de mil persoas das 38.000 que conforman o concello. Outón subliñou que Yamil Quijada conta xa cunha longa traxectoria profesional, sobre todo ligada ás orquestras, polo que non dubida que ambas circunstancias –colonia e calidade musical- garanten o éxito do espectáculo programado para o día 30.
Neste sentido, Quijada quixo agradecer publicamente o apoio municipal, porque tamén está convencido de que conseguirá encher o auditorio. Lembrou que nos seus de 35 anos de oficio, a súa música sonou en escenarios de Estados Unidos, República Dominicana, Colombia, México, Perú, Suíza, Alemaña, Francia e Portugal. Sobre o escenario estará acompañado por músicos galegos e venezolanos, para recalcar así a mestizaxe que quere expresar a través dos boleros.
Para Yamil Quijada, as verbenas galegas deberían ser Patrimonio da Humanidade, pois o fenómeno que se dá aquí non se rexistra en ningún outro lugar do mundo. “En Galicia hai máis de seiscentas familias vivindo da música e dignamente, entre galegos, venezolanos, cubanos, dominicanos e doutras nacións. Grazas á verbena galega podemos ter aquí ás nosas familias”, recalcou, razón pola que expresou de novo o seu agradecemento ao concello.