INFRAESTRUTURAS
O concello reclama á Xunta melloras nas estradas da súa competencia: Bamio, Agustín Romero e Rosalía de Castro ao seu paso polo Carril O goberno local vén de dirixirse novamente á Xunta de Galicia para que adopte unha serie de medidas de mellora tanto no firme como nas condicións de seguridade en vías que son da súa exclusiva competencia. Trátase da estrada vella de Bamio, da avenida Agustín Romero, que une o centro da cidade con Cornazo e Pontearnelas, e das avenidas de Rosalía de Castro e Valentín Viqueira, no Carril. Todas as peticións están amplamente apoiadas pola veciñanza, que constantemente se dirixen ao concello advertindo da perigosidade deses viais, e contan co informe favorable da Policía Local. As tres estradas, que, en realidade, funcionan como rúas, contan cunha alta densidade de poboación ao seu carón.
9.11.2024. No caso de Bamio, trataríase de renovar ou cando menos reparar o firme, que presenta numerosas deficiencias despois de anos sen ningún tipo de investimento. Pero, ademais, de habilitar medidas de calmado de tráfico mellorando a seguridade dos peóns. E sobre iso hai unha queixa reiterada dos veciños e veciñas: o caso da rúa San Xoán, 26, onde hai un paso de peóns ao lado dunha parada de bus moi utilizada, especialmente por escolares. Dende a propia Policía Local deféndese a idoneidade de dotar a ese paso de peóns, xunto a un cruzamento "en T", de regulación semafórica.
No caso do Carril pasa algo similar. Dende o concello deféndese, como piden tamén moitos veciños, que os pasos de peóns da Rosa (ao final da varanda xunto ao mar), Valentín Viqueira (fronte ao Beiramar) e Rosalía de Castro (diante de Abanca) sexan elevados, provocando así que os condutores se vexan obrigados a reducir a velocidade.
Por último, para Agustín Romero volve a reiterarse, como xa o fixo incluso o alcalde diante do propio presidente da Xunta, que é preciso renovar e ampliar as beirarrúas, facer pasos elevados para peóns e instalar "lombos de asno" ou similares ao longo da avenida, de xeito que sexa obrigatorio a circulación a menor velocidade.
Como xa se informou, o goberno local xa ten deseñado o plan de redutores de velocidade a executar antes de que conclúa o ano. En total serán 19 as actuacións, cun investimento de 48.000 euros, fundamentalmente nas áreas rurais e a rúa Extramuros do Carril, solucionando así o problema da carga e descarga dun supermercado e garantindo a seguridade dos peóns.