AVISOS
O risco de derrube no vello asilo obriga a modificar o tráfico na avenida de Rosalía de Castro, na praza da Constitución Dende esta tarde e ata dentro de tres ou catro días, a circulación pola avenida de Rosalía de Castro ao seu paso pola praza da Constitución verase lixeiramente modificada. A causa é o valado que esta mesma tarde quedará instalado diante do vello asilo. O risco de derrube dalgunha das súas paredes obriga a realizar obras de apontoamento, a fin de evitar que poida virse abaixo.
11.11.2024. Así pois, dende hoxe quedan sen efecto tanto a zona de aparcamento para motos como a franxa de cuadrícula amarela no acceso á rúa Rey Daviña, xa que ambas serán usadas como carril da avenida en sentido O Carril-Vilagarcía. Polo mesmo motivo, os dous primeiros aparcamentos da avenida dende a praza da Constitución tamén serán anulados provisionalmente. O tráfico pesado -camións e autobuses- será desviado obrigatoriamente polo vial do porto.
Aínda que a circulación está garantida no seu dobre sentido, dende o concello pídese prudencia aos condutores pero tamén aos viandantes, pois o valado afecta en boa parte ao paso de peóns que facilita o acceso á praza da Constitución e á rúa de Rey Daviña.
O asilo-hospitaliño foi promovido en 1892 por Luisa Vila Janer, xa viúva do José Bargés, alcalde da vila, e tía de Francisco Ravella, que tamén chegaría a ser rexedor. O proxecto foi realizado polo mestre de obras Manuel Pereiro Caeiro, o mesmo que antes fixera o Salón García, a praza de Peixería e mesmo a casa de Juan García. En 1898, o asilo foi cedido ao cura-párroco e ao alcalde. Foi a orixe do actual padroado que aínda hoxe rexe a institución.