MEDIO AMBIENTE
Vilagarcía renova a distinción das “tres flores” no certame “Vilas en Flor” que promoven a Fundación Juana de Vega e as empresas de xardinería O Concello de Vilagarcía acaba de renovar as “tres flores” que xa obtivo o ano pasado no certame “Vilas en Flor” que organiza a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación de Empresas de Xardinería de Galicia (AGAEXAR). O programa ten por obxecto recoñecer a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Nesta ocasión participaron 42 municipios e Vilagarcía foi un dos mellores clasificados. O acto de entrega de premios celebrouse este venres en Salvaterra de Miño. Os concelleiros de Medioambiente e de Obras e Servizos, Diego García e Lino Mouriño, foron os representantes do concello vilagarciá. Ambos amosáronse moi satisfeitos co recoñecemento, que sen dúbida é un aliciente para seguir traballando na mesma liña, pero tamén un premio e un estímulo para os traballadores dos servizos municipais que coa súa labor, non sempre ben percibida, contribúen a facer de Vilagarcía un concello cada día máis sostible medioambientalmente pero tamén máis agradable dende o punto de vista estético.