CULTURA
O Conservatorio abre unha lista de espera para asistir ao concerto de Abraham Cupeiro, tras esgotar as entradas en 45 minutos O concerto que o recoñecido multiinstrumentista Abraham Cupeiro ofrecerá o vindeiro venres no auditorio -coincidindo coa festividade de santa Icía, patroa dos músicos, e para celebrar os vinte anos do Conservatorio Profesional- ten xerado tal expectativa que as 300 entradas dispoñibles para o público en xeral esgotáronse en apenas 45 minutos. Os outros 450 pases xa estaban reservados para o alumnado e profesorado do conservatorio, as súas familias e os convidados. Diante da alta demanda, dende o Conservatorio habilitouse unha lista de espera. Os anotados serán chamados, por rigorosa orde de inscrición, no caso de que se produzan devolucións. Neste sentido, dende o Concello faise un chamamento á responsabilidade de aqueles que finalmente non poidan asistir.
18.11.2024. Abraham Cupeiro combina elementos de músico e contador de historias. "Resoando no pasado", o espectáculo que ofrecerá o venres no auditorio, non é un monólogo pero tampouco un concerto. Da súa man, os espectadores darán unha volta pola historia da humanidade utilizando instrumentos que as civilizacións foron fabricando nas diferentes épocas. É o espectáculo que Cupeiro considera máis próximo e no que máis instrumentos toca, 35 pertencentes a súa inmensa colección de máis de 200, ao redor de 50 feitos por el mesmo, como o Karnyx ou o Cornu, reconstruídos a partir de exemplares atopados en Pompeia.