CULTURA
A Sociedade Filarmónica pecha o ano cun concerto lírico gratuíto no que soarán cancións napolitanas, romanzas de zarzuela e arias de ópera A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía pechará o ano cun gran concerto lírico no que soarán coñecidas cancións napolitanas, romanzas de zarzuelas e arias de ópera. O recital estará protagonizado polo tenor arxentino José Simerilla, que xa ten cantado en algúns dos máis importantes teatros do mundo, e a pianista norteamericana Sophia Muñoz, unha habitual acompañante, en directo e en gravacións de discos, dalgúns dos principais intérpretes líricos do panorama actual. O espectáculo comezará ás 20:30 horas deste venres, día 13, no auditorio e terá carácter gratuíto grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A entrada e libre ata completar aforo.
11.12.2024. Para a Sociedade Filarmónica, este é un dos concertos máis esperados da tempada, tendo en conta a alta calidade dos concertistas e o programa a desenvolver. Un programa que estará dividido en bloques moi recoñecibles. Comezará cun dos clásicos da canción napolitana, "L’alba separa dalla luce l’ombra", de Paolo Tosti, e rematará coa interpretación de "Nessum dorma", do "Turandot", a coñecidísima ópera de Giacomo Puccini. En medio, Seremilla e Muñoz farán un repaso de coñecidas romanzas de zarzuela e cancións clásicas españolas como "Granada", de Agustín Lara, ou "Bésame mucho", de Consuelo Velásquez.