CULTURA
A biblioteca actualiza as súas normas para adaptarse aos novos tempos, con máis demanda e novas tecnoloxías A Biblioteca Municipal “Rosalía de Castro” vén de realizar unha actualización das normas de uso para adaptarse aos novos tempos, tanto pola alta demanda, que se incrementou dende o seu traslado á nova sede na rúa Castelao, como polas novas tecnoloxías e os novos medios de transporte individual. A maioría dos 18 puntos de que constan esas normas son de convivencia e case de sentido común, pero era preciso reunir en un so documento as regras de funcionamento, aclarando así algunhas das dúbidas que manifestaban uns usuarios, tamén as queixas doutros e as suxestións dos propios traballadores.
17.12.2024. Así, por exemplo, queda establecido que non se permite a reserva de postos de lectura. Ademais, a ausencia deste durante un tempo superior a 30 minutos dará dereito a calquera persoa a ocupar ese posto; os funcionarios da biblioteca poderán advertir a quen incumpriu a norma e incluso, chegado o caso, retirar as súas pertenzas da mesa.
De igual xeito, e para que quede claro de xeito definitivo, non está permitido o acceso con elementos que poidan obstaculizar a libre circulación ou que supoñan unha molestia para o resto das persoas usuarias e nisto inclúense tanto bicicletas como patinetes ou maletas. A única excepción serán aqueles elementos que faciliten a mobilidade das persoas con dificultades (muletas, andadores, carros de bebé, etcétera).
Por outra banda, os teléfonos móbiles deberán estar apagados ou, no seu defecto, silenciados. Tampouco se permite a entrada ao centro con comidas ou bebidas (agás auga) e, igualmente, con animais, a excepción dos cans guía. E a realización de vídeos ou fotografías queda tamén expresamente prohibida, salvo autorización expresa da dirección da biblioteca ou dos propios usuarios.
En canto ao uso dos fondos bibliotecarios, todas as persoas están obrigadas a manter o catálogo ben ordenado, deixando os orixinais consultados nas mesas ou carros habilitados, para que o persoal os coloque de novo nos estantes de xeito correcto. Os materiais só poderán levarse fóra da biblioteca previa xestión do préstamo ou, excepcionalmente, un permiso expreso dos responsables técnicos da biblioteca. Así mesmo, quen utilice a prensa periódica ou revistas só poderá facelo dunha nunha e moderando o tempo de uso, en atención ao resto de lectores. En todo caso, é obrigatorio velar pola integridade dos fondos, que son patrimonio común, de xeito que os usuarios deberán repoñer os materiais que resultaran extraviados ou danados.
De xeito transversal, as normas apelan ao respecto das normas de convivencia entre usuarios e entre estes e o persoal técnico da biblioteca. De feito, en caso de condutas inapropiadas, os funcionarios están facultados para expulsar do centro á persoa ou persoas causantes do problema.