RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Asinados os convenios para a xestión dos centros socioculturais, cun incremento do 10% Nun acto ao que asistiron o alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, hoxe foron asinados a maioría dos dezasete convenios que o concello mantén con outras tantas asociacións culturais, veciñais e de mulleres rurais que se encargan da xestión e mantemento diario dos centros socioculturais distribuídos por parroquias e lugares. Con respecto a anteriores acordos, nesta ocasión a contía increméntase nun 10%, ata chegar aos 2.000 euros.
202.12.2024. No acto de hoxe estiveron presentes os representantes dos centros de Cornazo, A Torre, O Carril, Castroagudín, Cea, Fontearmoa, Galáns, San Roque, O Piñeiriño, Renza, Rubiáns, Sobradelo e Trabanca Badiña. O de Bamio, que en principio anunciara a súa asistencia, finalmente non puido acudir. Os xestores dos centros de Faxilde, Vilaxoán e Trabanca Sardiñeira xa anunciaran que non asistirían.
Nos convenios establécese que a asociación xestora do centro debe garantir que as instalacións estarán abertas ao menos dúas horas ao día de luns a venres e as fins de semana, en función da programación prevista, e sempre polo tempo necesario para a realización das actividades. Se o centro conta con biblioteca, esta deberá permanecer aberta e baixo o control dun adulto. Se, ademais, dispón dunha cafetería-bar cun uso puntual, coincidente coas actividades do propio centro, a xestión gratuíta poderá facela a asociación xestora; pero se o servizo de hostalería é diario e continuado, e cunha natureza comercial, entón a súa explotación deberá ser obxecto de concesión administrativa, que só poderá tramitar o concello.
Tralo acto de hoxe, o alcalde agradeceu publicamente a labor que veñen desenvolvendo as asociacións, tanto na xestión dos centros -de feito, dixo, abren moito máis tempo do previsto no acordo- como na dinamización social e cultural das parroquias. Por iso, é intención do goberno local seguir traballando para mellorar esa colaboración. E, de feito, no presuposto para o ano que vén está previsto un investimento de 130.000 euros en diversas melloras da rede de edificios.