SERVIZOS SOCIAIS
O Concello e Zona Aberta ofrecen paseos na carroza de Papa Noel para persoas dependentes ou diversidade funcional Baixo o lema “Nadal para TodXs”, o concello e a asociación de comerciantes e hostaleiros Zona Aberta, co colaboración de diversas entidades deportivas ligadas á bicicleta, acaba de poñer en marcha unha iniciativa solidaria e inédita na cidade: paseos nocturnos na carroza de Papa Noel para persoas dependentes ou con diversidade funcional, para que tamén elas desfruten do alumado e do ambiente de Nadal na vila. Os paseos inclúen sempre cun chocolate e un biscoito na Aldea do Nadal na praza de Independencia.
21.12.2024. O proxecto “Nadal para TodXs” ten como obxectivo achegar o ambiente destes datas as persoas da cidade, incluíndo polo tanto a aquelas que son dependentes ou teñen diversidade funcional. Un agasallo de toda a cidade para todas as persoas que desfruten do servizo que tamén é un pequeno recoñecemento a familiares e coidadores/as que cada día traballan a reo para o benestar destas persoas.
A iniciativa de Zona Aberta e profesionais de Vilagarcía, conta co patrocinio do Concello e o apoio de Arousa en Bici, Arousa Bike BTT, Castro Bikes BTT, BTT Trotacumios, Triatlón Vilagarcía. O paseo consta dunha visita de 30 minutos para admirar a decoración de Nadal, cunha parada para tomar un chocolate e un biscoito, e unha segunda parada na árbore de Nadal da Praza de Galicia, onde se tomará unha fotografía coa que se agasallará á persoa viaxeira e á persoa voluntaria que conduza a carroza.
O programa está dirixido a maiores dependentes ou persoas con diversidade funcional e a participación pode solicitala un familiar ou coidador/a. A viaxe será tamén na compaña dun familiar ou coidador/a. No caso de persoas cun grado menor de dependencia, poderían viaxar dúas persoas xuntas se así o solicitan. As viaxes deben ser solicitadas a través das RRSS de Zona Aberta. Na presentación, este sábado, fíxose un chamamento á participación de toda a cidade a través da apertura dun proceso de voluntariado de condutores da carroza de Papá Noel, nas RRSS de Arousa en Bici, para todas as persoas que desexen dar unhas pedaladas por unha boa causa e compartir a experiencia cos viaxeirXs.
O requisito para ser voluntario é ser maior de idade, levar algunha vestimenta de Nadal e, sobre todo, ganas de pasalo ben. Están invitadas todas as institucións e asociacións que traballan a diario no coidado e integración das persoas dependentes, poñéndose en contacto coa Área de Benestar Social do Concello de Vilagarcía de Arousa. Zona Aberta aporta a merenda para as persoas que participan na actividade. Arousa en Bici e Arousa Bike BTT xestionan as persoas voluntarias. A carroza é cedida por Pablo Jueguen e Cristina Durán, que promoven a iniciativa.
O Concello de Vilagarcía entregará un pequeno agasallo ás persoas usuarias. O programa funcionará dende o sábado 21 de decembro ata o 4 de xaneiro, entre as 18.30 e as 21h, agás domingos, 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro. Un total de 45 viaxes, ampliables no caso de ser preciso e dispoñendo do voluntariado necesario.