ECONOMÍA
O día 31 acaba a vixencia dos bonos Son da Casa, e aínda quedan máis de 20.000 euros por gastar A oitava edición dos bonos Son da Casa está a piques de rematar e hai aínda sen gastar 3.830 tikects, entre os de 10 e os de 5 euros. De saída foran 15.000 os editados, distribuídos en 3.750 packs de catro bonos cada un. Isto significa que hoxe, a cinco días de que expire a súa validez, aínda hai 27.515 euros dos 112.500 totais sen investir. E, ao respecto, dende o concello lémbrase que nesta ocasión non haberá prórroga posible, a diferenza de anteriores campañas: quen non gaste os seus bonos antes do 1 de xaneiro perderá tanto o diñeiro investido -20 euros por pack- como a aportación do concello -10 euros máis-.
27.12.2024. Segundo se desprende dos datos da plataforma municipal de venda, ticket.vilagarcia.gal, estreada precisamente con esta nova campaña de Son da Casa, as compras de moda (15,6%), xoguetes (13,3%) e libraría (12,6%) lideran con diferenza o ránking dos usos que os vilagarciáns dan aos bonos. So ás compras en tendas de deportes (9,8%) aproxímanse a eses números, porque despois xa descenden notablemente: alimentación, zapaterías, electrodomésticos, etcétera. Chama a atención que os bonos gastados na hostalería foron unicamente 444 (3,9%) mentres que os destinados a estética, por exemplo, chegaron a 663 (un 5,9%).
Con este nova campaña, a oitava dende a súa primeira edición, coincidindo con final da pandemia e para animar a economía local, son 112.500 euros os inxectados na rede comercial de Vilagarcía. Isto significa que dende entón e ata hoxe, por iniciativa do concello, coa complicidade de toda a cidadanía e a implicación de comerciantes e hostaleiros, puxéronse en circulación 900.000 euros.