CULTURA
Os 70 compoñentes da banda de música ofrecerán o luns 30 o seu XV Concerto de Fin de Ano, que concluirá coa marcha Radetzky A banda de música de Vilagarcía xa ten todo listo para o que será unha das súas principais citas do ano co seu público, o Concerto de Fin de Ano, que chega á súa décimo quinta edición. Será o vindeiro luns, 30 de decembro, a partir das 20:00 horas, no auditorio municipal. As entradas xa se puxeron á venda o venres e continúa na mañá de hoxe, sábado, na propia billeteira do auditorio. As que resten poranse a disposición do público o mesmo luns, dende as 6 da tarde. Os prezos son: 5 euros para as zonas A e B e 4 para a C, sen gastos de xestión, posto que a venda é directa.
28.12.2024. Como vén sendo habitual, a primeira parte será a máis sinfónica, neste caso con dous pasodobres: un, “Hispania”, do autor español Agustín Ramos, e outro, “Saga cándida”, do belga Bert Appermont. A segunda sección, e como non pode ser menos nun concerto de fin de ano, se dedicará á extensa produción de valses, polkas e marchas da familia Strauss, neste caso con pezas menos coñecidas do seu repertorio, pero rematando coa inevitable e archirecoñedida Marcha Radetzky, de Johan Strauss pai.
A banda, dirixida por Jesús Nogueira, e a concellería de Cultura, que lidera Sonia Outón, convidan ao público a participar neste concerto, no que os setenta membros da agrupación darán o mellor de si para despedir o ano 2024 no máis alto e na véspera da multitudinaria Toma das Uvas, ao día seguinte, dende as 11 da mañá na praza de Ravella.