OBRAS E SERVIZOS
Os novos horarios do parking Xoán XXIII entran en vigor a partir do 1 de xaneiro Como xa se anunciou, dende o 1 de xaneiro o parking de Xoán XXIII, cuxa concesión foi rescatada recentemente para ser xestionado directamente polo concello, verá ampliado o horario, nun paso máis na procura de que poida abrir as 24 horas. Polo de pronto, co novo ano o aparcamento estará a disposición do público tamén os sábados pola tarde, e durante o verán -de xuño a setembro- o peche trasládase das 22:00 ás 24:00 horas. Agora ben, e como xa viña ocorrendo ata agora, o parking estará sen servizo os domingos e festivos de todo o ano.
30.12.2024. A intención do goberno local é que nos primeiros meses do 2025 xa poidan entrar en vigor as anunciadas bonificacións para os residentes de Vilagarcía e tamén para os clientes do comercio e a hostalería local, a través dun convenio con Zona Aberta, que disporá de "vales" por unha hora cos que premiar a fidelidade dos seus clientes. Para iso é preciso aprobar unha ordenanza específica e tamén licitar un novo sistema de xestión. Todo coa vista posta en que se poida chegar ao ideal da apertura 24 horas.