PATRIMONIO
O conxunto histórico-artístico de Vistalegre estrea alumado ornamental, que cambiará de cor para celebrar distintas efemérides O conxunto monumental de Vistalegre estreará o vindeiro venres, día 3 de xaneiro, en vésperas da Cabalgata de Reis, a súa iluminación ornamental, na que se acaban de investir algo máis de 47.000 euros. Despois das probas feitas nos últimos días, xa está todo disposto para que unha das iconas do patrimonio local luza como nunca.
30.12.2024. Grazas ás novas tecnoloxías, tanto de materiais (led) como de xestión, o sistema quedará programado para que en distintas datas do ano as luces cambien a unha cor determinada para contribuír así a concienciación sobre unha determinada temática. Por exemplo, o día 4 de febreiro será o primeiro en que as luces sexan unicamente de cor verde, ligado ao Día Mundial contra o Cancro. Esa mesma cor será usada despois, o 28 do mesmo mes, Día Mundial das Enfermidades Raras. E o verde volverá a alumar Vistalegre o 5 de xuño (D.M. Medioambiente) e o 21 do mesmo mes (D.M. da ELA -Esclerosis Lateral Amiotrófica).
Á cor morada recorrerase en tres ocasións: 8 de marzo, Día Internacional da Muller; 21 de setembro (Alzheimer); e 25 de novembro (Violencia de Xénero). Amarelo será o 28 de marzo (Endometriosis). Azul, o 21 de marzo (Síndrome de Down), 2 de abril (Autismo) e 10 de outubro (Dislexia). Laranxa, o 27 de outubro (TDAH). Vermello, o 14 de xuño (Doazón de Sangue). E rosa, o 19 de outubro (Cáncer de mama).
Dentro da programación anual hai tres excepcións: unha, o Día do Planeta (o 22 de marzo), no que alumado permanecerá apagado durante unha hora, participando así nunha campaña internacional para chamar a atención sobre o cambio climático e a necesidade dun desenvolvemento sostible. A segunda será o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTB+, no que o conxunto monumental será iluminado de xeito multicolor e non só dun, como no resto de efemérides. E a terceira, unha celebración que, a diferenza de todas das demais, é puramente local: o aniversario da fusión dos concellos de Vilagarcía, O Carril e Vilaxoán para formar a actual Vilagarcía de Arousa en 1913; por tanto, Vistalegre será tinguida de vermello cada 1 de marzo.