CULTURA
A igrexa de Vistalegre recibe o Aninovo este venres cun concerto Tolemia’s Consort e a súa mestura de música sacra, góspel e jazz A igrexa de San Cristóbal, no conxunto monumental de Vistalegre, acollerá este venres, día 3, un concerto do Tolemia’s Consort, un grupo coral formado na comarca que dende a súa creación en 2020 xa se ten feito un oco no panorama musical da provincia. O recital do venres encádrase no ciclo “Entradiñas de Aninovo” que patrocina a Deputación de Pontevedra. Será a partir das 7 da tarde, con entrada libre e gratuíta. No seu programa, Tolemia’s Consort fará unha mestura de música sacra, góspel e jazz. Estarán acompañados ao piano pola meañesa Goretti Domínguez, na actualidade profesora no Conservatorio Profesional de Música de Sevilla.
Dende os seus primeiros ensaios, o grupo fundado e dirixido pola mezzosoprano pontevedresa Sonia Bouzada Pérez púxose por meta achegar a música vocal a capela a diversos públicos. O seu debut como grupo tivo lugar na Igrexa Parroquial de Vilanova de Arousa en 2020, evento que deu inicio dunha serie de actuacións en lugares emblemáticos como as ruínas de Santa Mariña en Cambados ou a Igrexa de San Vicente do Mar do Grove.
O repertorio do grupo é amplo e diverso. Entre os seus proxectos máis salientables destacan "Jazz ad Caelum", que inclúe a “Missa brevis” Will Todd, e a estrea de "Ave María", do compositor galego J.L. Sanz en maio de 2023. Outra das súas propostas foi “Shining Night” que inclúe unha selección de repertorio relixioso, e na que tivo un protagonismo especial a cantata góspel “JOY!” de Joel Raney.
O programa do venres é este: Deep Peace (de Bill Douglas); Sure On This Shining Night (Morten Lauridsen), Thankful (Mark Hayes), The Lord Bless You And Keep You (John Rutter), Be Thou My Vision (Bob Chilcott), Jubilate Deo (Peter Anglea) e A Gospel Christmas Celebration (Joel Raney).
O recital do Tolemia’s Consort coincidirá coa estrea, no exterior, do alumado ornamental do conxunto histórico-artístico de Vistalegre, no que se investiron 47.000 euros.