OBRAS E SERVIZOS
Vilaxoán presume de zona recreativa coa mellora da pista deportiva no parque das Gaivotas O concello de Vilagarcía vén de acometer a reforma integral do entorno do parque de As Gaivotas, en Vilaxoán. Nesta última fase da actuación mellorouse o aspecto da zona deportiva coa colocación de canastras e porterías e o balado da pista. Na área tamén se colocaron mesas de pícnic, que chegarán a outras zonas do concello como Carril, Guillán e O Piñeiriño.
02-01-2025. Anteriormente, obrouse no parque infantil coa restauración de todos os elementos alí existentes: randeeira, tobogáns, casiñas de xogos e o balancín. Tamén se substituíron os bancos para mellorar o aspecto da contorna. Toda a actuación en As Gaivotas contou cun investimento de 40.000 euros.
“Estamos ante un exemplo de actuación integral realizada polo concello e moi demandada polos veciños”, explicaba o alcalde Alberto Varela. O rexedor amosouse satisfeito co aspecto final das Gaivotas, unha zona onde “vive moita xente moza, moitas familias” e onde os cativos xa poden gozar dun novo espazo de lecer onde estrear os seus regalos de Reis.
Outras actuacións e melloras A concellería de Parques e Xardíns tamén acometeu outras actuacións de calado como a reforma de pontes peonís de madeira no parque da Coca, Rodrigo de Mendoza e a Xunqueira, así como a revisión de pérgolas nos mesmos parques e en Miguel Hernández.
A nivel deportivo, estase traballando na zona de O Piñeiriño co acondicionamento da pista de baloncesto e zona de xogos no parque canino. Tamén se está actuando en A Xunqueira, coa renovación do parque infantil e en A Concha-Compostela, coa creación de zonas deportivas no areal.
Finalmente, continúase co plan de infraestruturas arborado en Parque de Compostela, Valdés Bermejo, A Coca e Xunqueira, no que xa se realizaron o 80% das recomendacións incluídas nas inspeccións arbóreas, cun investimento total de 205.000 euros.