EMPREGO
O concello de Vilagarcía concede preto de 80.000 en axudas a creación de empresas e a contratación de persoal Vilagarcía 03-01-2025. O Concello de Vilagarcía vén de conceder 78.790 euros en axudas ao emprendemento e a contratación de persoal en empresas de Vilagarcía e a súa contorna. As axudas enmárcanse dentro das iniciativas da Concellería de Promoción Económica e Emprego, dirixida por Álvaro Carou, para o fomento da economía local.
Por unha banda, concedéronse un total de 51.290,48 euros, dos 60 mil dispoñibles, para a creación de 28 empresas. A contía por solicitude variou entre os 2.500 euros por establecemento, o máximo dispoñible, e os 241.61 euros, que foi a máis baixa concedida. A maior parte das peticións, 14 das 30 presentadas, recibiron o máximo por comercio. Solo se lle denegou a axuda a dúas firmas por incumprir as bases.
As achegas foron destinadas principalmente á posta en marcha de pequenos comercios, destacando os centros de estética, así como ao sector servizos coa creación de dous ximnasios ou unha clínica dental. Os gastos subvencionables son os relativos aos trámites de constitución da empresa, asesoría, obras de acondicionamento do local, aluguer, adquisición de mercadorías e gastos correntes.
Por outra banda, o plan de axudas á contratación de persoal destinou 27.500 euros, dos 60 mil dispoñibles, a nove empresas do Salnés. En total, outros tantos veciños de Vilagarcía, requisito indispensable para a concesión da axuda, acadaron un contrato indefinido.
Os sectores beneficiados varían dende a restauración ata as empresas tecnolóxicas ou ás de importacións e exportacións. As axudas concedidas por empresa varían entre un mínimo de 800 euros por traballador e un máximo de 3.000.
Ademais, tamén foron contratadas outras catro persoas de entre os alumnos dos obradoiros de emprego do concello. A esta última partida destináronse 6.000 euros, concedendo 1.500 por persoa contratada: dúas na rama da carpintaría e outras dúas na de construción.
Un 38% máis de fondos públicos O Concello de Vilagarcía destinou este 2024 un 38% máis de fondos a subvencionar estas actividades, pasando dos 87.000 euros dos que se dispuxo en 2023 aos 120.000 deste último exercicio. Este aumento debeuse ao éxito da convocatoria do ano anterior, na que os fondos non alcanzaron a atender a gran cantidade de solicitudes.
Sen embargo, este 2024 quedaron sen gastar 41.209 euros do total de programa. No caso da creación de novas empresas practicamente esgotouse a partida, quedando en remanente 8,709 euros, mentres que no caso das axudas á contratación sobraron 32.500 euros do previsto inicialmente.
Mellora dos datos de emprego Vilagarcía consegue mellorar os datos de emprego no último mes do 2024. En decembro houbo 2.236 persoas desempregadas, son dez menos en comparación co mes anterior. Ademais, as cifras tamén son optimistas na comparativa interanual: en decembro houbo 181 parados menos en comparación co mesmo mes do 2023.
En canto á relación de sexo e idade, a gran maioría de desempregados son mulleres (1.245, fronte a 991 homes) maiores de 25 anos (2.129, fronte a 107 menores).