CONCELLO
‘Tijeras Diseño’ álzase co galardón á mellor decoración de Nadal Vilagarcía, 08 de xaneiro de 2025.- O comercio ‘Tijeras diseño’, situado na rúa Castor Sánchez, proclámase campión do concurso de escaparatismo de Nadal organizado, un ano máis, polo Concello de Vilagarcía. O primeiro premio supón unha recompensa económica de 595 euros.
Na competición había total liberdade técnica e de estilo, máis valorouse positivamente a creatividade, a orixinalidade e a utilización de materiais sustentables. Así, a decoración contribuíu a animación das rúas e a fomentar o ambiente festivo propio destas datas.
Dos 22 participantes, o citado establecemento obtivo 15 puntos, o máximo posible, que lle outorgou o xurado formado por Ana Miguéns, empresaria e referente do sector do Deseño e a Artesaría local; Natalia Señoráns, profesora de Comercio e Marketing do CIFP Fontecarmoa, e Lucía Caride, representante do Concello. Cada un dos membros do comité podían puntuar os escaparates cunha nota de entre 5 e 1.
O tribunal fixo un percorrido por todos os comercios, tanto tendas como locais de hostalaría inscritos, que debían de colocar no seu escaparate un distintivo de “establecemento participante”.
Ademais do primeiro premio, ‘La Tetereta’ e ‘Imaxe moda’ conseguiron o segundo posto no concurso, ambos os dous cunha puntuación de 14. Neste caso, cada unha das tendas gañou 395 euros.
Finalmente, tamén houbo dous terceiros premios, cunha compensación económica de 200 euros. Os galardoados foron ‘Correduría del Noroeste’, con 13 puntos, e ‘Village Backery’ con 12.
O certame de decoración de Nadal púxose en marcha no 2018 co obxectivo de contribuír á dinamización do comercio e a hostalaría en Vilagarcía, de tal xeito que as rúas da localidade se vexan máis animadas e chamativas, grazas a un ambiente de festa que axuda e apoia ao consumo local.