CULTURA
O Concello de Vilagarcía participa por primeira vez no Club de Debate Vilagarcía, 09 de xaneiro de 2025.- Os servizos de normalización lingüística de varios concellos de Galicia promoven a participación da comunidade educativa nun Club de Debate co obxectivo de fomentar o uso do galego en contextos formais e informais. Vilagarcía participa por primeira vez nesta iniciativa, que acada con esta a súa edición número XII.
O IES Carril, o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Filipenses) e o IES Armando Cotarelo Valledor de Vilaxoán competirán con outros 28 equipos procedentes de Narón, Pontevedra, Rois, Ribeira ou Santiago, entre outras localizacións. As fases clasificatorias comezarán en febreiro.
O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido aos centros de educación secundaria para alumnos menores de 18 anos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Trátase dun torneo por equipos co que se anima a usar a lingua galega, promóvese o traballo en equipo e a necesidade de desenvolver un pensamento crítico, ser tolerante e respectar a diversidade de opinións.
Os equipos son mixtos e están formados por entre 4 e 10 membros, máis unha persoa preparadora. Os participantes deberán amosarse a favor ou en contra de temas de actualidade, que serán escollidos nos próximos días, mediante catro quendas de intervención.
Os debates serán avaliados por un xurado de cinco membros que emitirán puntuacións individualizadas de cada un dos equipos tendo en conta diferentes obxectivos, coma a fluidez comunicativa ou a capacidade de rebater e de argumentar.
Premios culturais e unha viaxe final A semana do 13 de xaneiro realizarase unha xornada de formación conxunta para os equipos e o profesorado formador, que, no caso dos institutos de Vilagarcía, será en Pontevedra.
Nas fases clasificatorias de zona, que se celebrarán a semana do 24 de febreiro, todos os equipos inscritos participarán en dous probas. Para determinar as parellas de debate farase un sorteo. Á fase final, que será o 26 de abril, pasarán os equipos que obtivesen mellor puntuación na anterior.
Os dous equipos mellor clasificados de cada localidade reciben cadanseu premio de contido cultural, valorados en 500 e 300 euros, e o equipo gañador absoluto gozará dunha viaxe de fin de semana de convivencia nun espazo multiaventura.
Está previsto que o Concello de Vilagarcía acolla a gran final do Club de Debate deste curso por ser a primeira vez que participa, seguindo co espírito de que o programa rote pola xeografía galega.