PATRIMONIO
O Museo do Pobo Galego acollerá a exposición "Louza de Bamio, mulleres e territorio" O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, estreará este mércores, 15 de xaneiro, a exposición "Louza de Bamio, mulleres e territorio". Trátase dunha oportunidade única para dar a coñecer a importancia desta industria da parroquia vilagarciá, lamentablemente, aínda moi descoñecida. A mostra, que estará aberta do 15 de xaneiro ao 2 de febreiro, foi presentada hoxe polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a Presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón.
13.01.2025. "Bamio foi unha auténtica potencia na produción de louza, iso é o que se quere conservar. Esta exposición vai a axudar a que a xente sexa máis consciente da importancia deste patrimonio", explicou a propia concelleira. De feito, engadiu a presidenta do Padroado, foi grazas ao esforzo e traballo da Asociación de Mulleres Rurais de Bamio, a que permitiu conservar e dar a coñecer esta riqueza cultural: "A exposición nace do interese das mulleres do lugar pola súa louza, nace da xente, que é transmisora dos saberes".
A mostra consta de 6 paneis informativos e dalgunhas pezas de cerámica. Unhas son as que recuperaron as propias mulleres de Bamio no seu proxecto de Louceir@s , en colaboración coa Universidade de Vigo; e outras, as que xa forman parte dos fondos do museo grazas á labor de Luciano García Alén e a súa muller.
"Non é unha exposición moi extensa", recoñeceu Losada, pero si ten o valores de moito interese para o museo. En primeiro lugar, trátase de louza tradicional; en segundo termo, porque a conservación da tradición parte da xente do lugar e, ademais, conta coa colaboración da Universidade de Vigo que demostra estar preto da realidade do país. E, por último, polo feito de que o Concello de Vilagarcía forma parte do Padroado do Museo do Pobo Galego. Neste sentido, a presidenta da entidade animou ao resto dos concellos a facer propostas similares. Concha Losada instou a seguir buscando pezas en Bamio, xa que aínda a día de hoxe aparecen continuamente en fincas e vivendas: "Que a xente saiba que debe conservalas, non tiralas ao lixo", advertiu.
Precisamente neste liña pronunciouse o alcalde, Alberto Varela: "As tradicións, se non se conservan, se non se transmiten, corren o risco de desaparecer. Por iso pareceunos moi importante pasar do local ao global traballando cos Louceir@s e co Museo do Pobo Galego neste proxecto".
O Concello de Vilagarcía vén apoiando este proxecto dende hai anos e no 2024 patrocinou a publicación do libro infantil "María e a roda que non para", un conto para difundir a tradición da produción de cerámica en Bamio e a súa importancia no río Ulla e a ría de Arousa.