TURISMO
A imaxe de Vilagarcía dará a benvida aos visitantes de FITUR na estación “Campo de las Naciones” Vilagarcía, 15 xaneiro 2025.- A ría de Arousa, o solpor e unha panorámica sobre a Illa de Cortegada, alegrarán a vista dos milleiros de usuarios do metro que acudan a semana que vén a FITUR, grazas á posta en marcha dunha campaña de promoción lanzada polo Concello de Vilagarcía. O obxectivo é aproveitar a celebración da Feira Internacional de Turismo máis importante do país para reforzar a mensaxe de que Madrid, grazas ao AVE, está máis preto de Vilagarcía e das Rías Baixas que nunca.
Para levar a cabo esta acción, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, dirixida por Álvaro Carou, deseñou unha campaña moi visual, deseñada pola empresa vilagarciana Naranjalimón, que se compón de tres paneis de 5x2 metros que se colocarán na entrada e nos laterais da estación de metro “Campo de las Naciones”, a parada principal que dá acceso a FITUR, pola que se prevén que pasen milleiros de persoas de todas as nacionalidades. O lema é “A 3 horas ¡y un café!” para resaltar, precisamente, a proximidade entre a capital de España e o centro das Rías Baixas.
“Vilagarcía invita a vir en AVE, un transporte cómodo e accesible para todos. De feito, dende que se inaugurou a ruta, os billetes sempre se esgotan con rapidez e o tren vén cheo. Grazas a el, somos a porta de entrada ao Salnés, o destino turístico por excelencia”, explica o concelleiro, Álvaro Carou. A idea é presentar Vilagarcía como unha opción á valorar para facer unha escapada dende Madrid, grazas ás posibilidades que ofrece o transporte. A Feira Internacional de Turismo celebrarase entre os días 22 a 26 de xaneiro en IFEMA. Trátase dunha oportunidade única para promocionar o concello no que é “o mellor escaparate de turismo do mundo”, insiste o concelleiro.
Ata o recinto feiral de Madrid achegaranse persoas de diferentes partes do mundo en busca de novos destinos que coñecer. Unha ocasión “especial” para promocionar Vilagarcía, “unha cidade viva e dinámica”, con infinitas posibilidades e recursos, dende históricos, paisaxísticos, culturais ou gastronómicos ata de mobilidade.