CONCELLO
Jose María González asume a Concellería de Obras e Servizos en substitución de Lino Mouriño Vilagarcía, 16 xaneiro de 2025.- O organigrama do goberno municipal do Concello de Vilagarcía vén de reestruturarse debido á saída de Lino Mouriño da corporación, por motivos persoais. A súa carteira, a Concellería de Servizos e Medio Rural, será asumida por José María González, cuxo nomeamento xa está autorizado pola Xunta Electoral, e que tomará posesión no pleno ordinario de finais de mes.
O novo concelleiro non é un estraño da política municipal de Vilagarcía, xa que xestionou Seguridade Cidadá na anterior lexislatura, nos anos 2019-2023. Así o salientou o alcalde, Alberto Varela, esta mañá durante a presentación do cargo: “Toca darlle a benvida a alguén que non é novo. José María non parte de cero, ten moita experiencia e xa sabe o duro que é ser concelleiro”, resumía o rexedor.
González asumirá as competencias do anterior edil, sendo a de maior peso o Servizo Municipal de Obras, ademais de Vías Públicas e Mantemento dos Espazos Públicos Rurais. Tamén levará Iluminación, Sumidoiros e Cemiterios.
Hai una excepción, que son os servizos de limpeza viaria, limpeza de instalacións municipais e recollida de residuos, que pasarán a formar parte das competencias da concelleira Tania García, á súa vez portavoz do goberno e responsable de Servizos Sociais. “O motivo do cambio é que ela foi a que estivo colaborando con Lino nos últimos meses en relación á elaboración dos novos pregos para o servizo de recollida de lixo e tamén estivo presente nas reunións co persoal. É un cuestión de operatividade”, explicou o alcalde.
Reunións coas asociacións “José María ten o listón moi alto porque Lino deixou unha pegada moi importante, pero confiamos nel e sabemos que vai facer unha gran labor, como xa fixo anteriormente. De feito, José María caracterízase pola súa boa relación coas asociacións e coa veciñanza, e por ser un concelleiro moi accesible”, comentou o alcalde, Alberto Varela.
“Os meus oídos están para escoitar a todos os veciños e veciñas. Que non dubiden en acudir a mín porque volvo con máis ilusión e máis ganas que nunca”, resumiu o novo concelleiro.
Precisamente neste sentido, o Concello ten previsto reunirse con todas as asociacións municipais e colectivos nos primeiros meses do ano. O obxectivo é avaliar a situación na que se encontran e, sobre todo, traballar por sacar todos os temas que quedan pendentes o máis rapidamente posible.