EMPREGO
O Concello oferta 16 cursos gratuítos no marco do Programa de Inclusión e Capacitación Dixital Vilagarcía, 20 de xaneiro 2025.- A Concellería de Promoción Económica e Emprego pon en marcha una nova edición do programa de Inclusión e Capacitación Dixital dirixido a maiores de idade residentes en Vilagarcía. Ten por intención dotalos dos coñecementos necesarios para o uso de ferramentas tecnolóxicas. Os usuarios poderán escoller entre unha oferta formativa composta por 16 cursos, que van dende iniciación á informática ata módulos para profesionais.
A inscrición realizarase a través da sede electrónica do concello ou presencialmente no Centro de Formación de Matosinhos, que será onde se impartan os temarios entre febreiro e decembro do 2025, en función da demanda. Cada usuario poderá anotarse a máis dunha disciplina, ordenándoas por prioridade. Os cursos están divididos en bloques e teñen unha duración máxima de 30 horas.
O primeiro dos bloques titúlase “Inclusión Dixital”, orientado a usuarios que descoñecen a materia e desexan adquirir coñecementos básicos. Neste apartado haberá un curso sobre aplicacións de ciberseguridade para dispositivos; outro para perfeccionar o manexo do correo electrónico e outras aplicacións básicas, ou mesmo preparación de exames oficiais de certificación de competencias dixitais (ComDIX), unha das novidades deste ano.
O segundo dos bloques é “Ofimática avanzada”. Nel, os inscritos poderán profesionalizar os nosos coñecementos en procesadores de texto, uso de follas de cálculo, elaboración de presentacións é tamén manexo de bases de datos, sendo esta última unha competencia moi demandada actualmente no mercado laboral.
O terceiro módulo recibe o nome de “Capacitación avanzada de ferramentas TIC” e inclúe un curso de retoque fotográfico e creación de logos. Por outra banda, tamén se inclúe un curso novidoso de introdución ao deseño e impresión 3D con clases prácticas.
“Cumprimos coa demanda dos veciños”
“Seguimos mellorando a oferta formativa do Concello cunha nova edición deste programa que vai cumprindo coas demandas e intereses dos veciños”, explicou o concelleiro de Emprego, Álvaro Carou. “Deste xeito, impartiranse seis novos cursos salientando os orientados ao manexo da Sede Electrónica do Concello, así como á obtención de certificados dixitais, como a Chave 365 ou a firma electrónica, uns trámites que resultan complexos para os usuarios”, engadiu. Así, os alumnos poderán levar a clase o seu propio portátil para que os profesores lle axuden coa configuración.
Tamén se impartirá un curso de redes sociais e procura de emprego na rede, no que che ensinarán a crear ou perfeccionar o teu C.V. Finalmente, outra novidade desta edición é que impartiranse píldoras formativas de menos horas de duración, coma por exemplo, unha charla sobre intelixencia artificial co ChatGPT.
En definitiva, o obxectivo deste programa é dotar aos vilagarciáns das ferramentas necesarias para manter o seu perfil profesional actualizado de cara a un mercado laboral cambiante e cada vez máis esixente en materia tecnolóxica.