DEPORTE
A renovación da pista de atletismo e a recuperación do pavillón de Bamio, actuacións preferentes da Fundación de Deportes en 2025 Vilagarcía, 21 de xaneiro 2025.- O Concello de Vilagarcía continúa avanzando no Plan de mellora de infraestruturas deportivas marcando as prioridades de actuación dos vindeiros meses. A Fundación de Deportes, dirixida por Carlos Coira, considera fundamental a posta a punto da pista de atletismo e a rehabilitación do pavillón de Bamio, dúas demandas históricas de clubs deportivos e asociacións veciñais.
Nos últimos anos, o goberno de Alberto Varela destinou ás infraestruturas deportivas 6 millóns de euros. Proba disto foi a renovación completa dos céspedes artificiais de todos os campos de fútbol da vila, a rehabilitación integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa ou as actuacións na piscina municipal, co arranxo dos vestiarios e a ampliación do conxunto, nos pasos previos para sacalo a licitación.
O seguinte paso será cumprir con outras dúas infraestruturas moi demandadas polos veciños. Por unha banda, a posta a punto da pista de atletismo para adaptala ás peticións da Federación Española de Atletismo afín de acoller competicións oficiais, o que incluiría melloras de diferente índole tanto nas pistas como no recinto.
Por outra banda, a rehabilitación do pavillón de Bamio, que se atopa en malas condicións xa que se utilizou durante algún tempo para fins distintos aos estritamente deportivos que xustificaron a súa construción.
Neste caso, cabe resaltar que xa existía un compromiso previo, dialogado en varias ocasións cos colectivos veciñais e asociacións deportivas, para mellorar o seu estado. Agora, os técnicos do Concello están avaliando a alcance das intervencións necesarias e, unha vez finalizado o proxecto, o goberno buscará a consignación orzamentaria para poder licitar as obras. A Concellería de Deportes escoitará as peticións e reclamacións das asociacións veciñais para buscar, finalmente, o futuro máis adecuado para o pavillón.