DEPORTE
O Concello creará un pórtico cuberto en Berdón e rehabilitará o ximnasio de Fontecarmoa Vilagarcía, 22 de xaneiro de 2025.- A Fundación de Deportes continúa poñendo a punto as instalacións deportivas do municipio cun novo investimento que supera os 90.000 euros. Afectará principalmente ao campo de fútbol de Berdón, onde se construirá unha cuberta para a cantina, ao ximnasio municipal de Fontecarmoa e ás bancadas, co que se completará a reforma deste espazo.
As actuación forman parte dun plan de mantemento e mellora das instalacións deportivas que tamén contempla actuacións na Pelada, no campo de fútbol de Vilaxoán e en Fexdega, das que se darán conta nos vindeiros días.
O Concello de Vilagarcía aposta por seguir mellorando as condicións do campo de fútbol de Berdón, atendendo ás demandas do Vilagarcía S.D. Cabe destacar que xa se investiron máis de 167.000 euros en cambiar o terreo de xogo, así como no arranxo dos vestiarios. Agora, o Concello investirá outros 33.600 euros na construción dun pórtico cuberto sobre o espazo da cantina, para que os usuarios poidan usalo máis comodamente e ao resgardo da chuvia, resolvendo deste xeito unhas das peticións do equipo.
Neste sentido, o concelleiro de Deportes indicou que: “A Fundación escoita e atende as demandas dos equipos. Neste caso, tamén se vai a realizar unha revisión do teito que cubre as bancadas, que inclúeo o arranxo dos canlóns para evitar que se atasquen e metan auga, tal e como quedamos o alcalde e eu coa directiva do club”, explicou Carlos Coira. Ademais, tamén se farán reformas no muro oeste do recinto, xa que é moi baixo, polo que se reforzará o peche do perímetro elevando a altura deste.
Outra das actuacións máis pedidas polos clubs é a reforma do ximnasio do Pavillón Sara Gómez, no complexo polideportivo de Fontecarmoa. “Xa se acometeran algunhas melloras cando se reformou o pavillón hai uns meses: pintouse e creouse un falso teito. Agora podemos dicir que as actuacións que se van facer constitúen unha reforma integral dun espazo moi utilizado polos clubs, que levan tempo querendo un cambio”, resumiu Coira.
O presuposto ascende a 17.000 euros e as obras realizaranse en dúas fases. Primeiro cambiarase o pavimento, acondicionarase a sala e mudaranse algúns equipamentos que se atopan desfasados. Nunha segunda actuación, cambiarase o resto das máquinas.
A reforma do pavillón de Fontecarmoa quedará rematada coa colocación de 600 novas bancadas por valor de 8.000 euros. Algunhas delas xa se cambiaran durante a reforma do espazo cun remanente. Con esta inversión do Concello completarase o conxunto e as gradas quedarán totalmente renovas. Ademais, os asentos antigos serán destinados a outras instalacións deportivas.
Melloras nos pavillóns de Carril e Faxilde
A inversión contempla tamén actuacións nos pavillóns de Carril e Faxilde. En concreto, compraranse dúas bancadas, unha para cada espazo, por 16.000 euros cada unha.
“No caso de Carril trátase dunha actuación moi demandada polo equipo de balonmán e fútbol sala, xa que as existentes están en moi mal estado”, explicou Carlos Coira. Neste caso instalaranse unhas móbiles que poidan adaptarse ás necesidades dos clubs que alí xogan. No pavillón de Faxilde non había asentos previamente, polo que se dará un novo servizo á instalación en beneficio dos clubes de fútbol sala e esgrima.