CULTURA
A escritora Ana Lojo Chan presenta mañá o seu novo libro “Estela de cartas. Alph@” no Auditorio Municipal Vilagarcía, 23 de xaneiro 2025.- A sala de conferencias do Auditorio Municipal acollerá este venres ás 20:00 horas a presentación da nova novela da autora Ana Lojo Chan, “Estela de Cartas. Alph@” ; da editorial Edificar Universos. Trátase dun libro moi novidoso, que nada ten que ver coas anteriores publicacións desta escritora, xa que nesta ocasión fuxe dos convencionalismos e crea unha obra interactiva, chea de retos e enigmas.
Nun primeiro momento, o libro estaba dirixido a cativos de Primaria e a persoas maiores, debido ao seu carácter lúdico. Con todo, a autora explica que se atopa gratamente sorprendida pola boa acollida que está tendo entre o público en xeral: “Estanme chegando moi boas sensacións máis aló desas franxas de idade. Os lectores dinme que lles gusta moito porque lles recorda a súa nenez”, explicou a escritora. “Fixen esta obra pensando nas familias, quero invitalas a que interactúen coa lectura, que se lles faga amena e entretida”, apuntou.
Aqueles que xa coñezan outras obras desta autora deben saber que “Estela de cartas, Alph@” ; comparte algúns personaxes e acontecementos co seu libro anterior “Marea morta; de feito o desenlace desta novela, que vén de recibir o premio Pegasus da Crítica en Suíza, motiva a creación da seguinte. Pese a todo, a autora aclara que non se trata dunha segunda parte e que os libros pódense ler de xeito independente.
A intención da escritora é continuar con esta serie, de aí o título do libro, que inclue a primeira letra do alfabeto grego.
A entrada á presentación é libre ata completar o aforo.