TURISMO
Éxito rotundo en FITUR: “O impacto xerado é incalculable, hai múltiples empresas do sector interesadas en Vilagarcía“ Vilagarcía, 24 xaneiro 2025.- O Concello de Vilagarcía estivo presente un ano máis na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) co obxectivo de promocionar a cidade como destino ideal tanto entre as operadoras que moven turismo nacional como entre as doutros países. O resultado non puido ser mellor: “A visibilidade da campaña “A 3 horas ¡y un café!” xerou un impacto incalculable para Vilagarcía”, explicou o concelleiro de Álvaro Carou, que engade: “O Concello fixo múltiples contactos con empresas do sector interesadas en nós pola nosa localización estratéxica na zona de maior crecemento turístico da comunidade, O Salnés”.
O alcalde, Alberto Varela, e o edil de Turismo, Álvaro Carou, desprazáronse a feira para presentar a campaña que busca facer fincapé na proximidade da capital co centro das Rías Baixas. Para iso, instalouse unha cartelería na estación de metro de “Feria de Madrid”, a parada principal pola que se accede ao IFEMA e pola que pasaron milleiros de persoas estos días.
Vilagarcía converteuse, grazas ao AVE, na porta de entrada á Ría de Arousa. De feito, o éxito desta iniciativa coincide coa posta en marcha hoxe dunha nova frecuencia de tren Avlo a Madrid que reforza a conexión de Vilagarcía coa capital. Á oferta xa existente súmase este viaxe que sae as 6:36 da mañá en traxecto directo cara a capital, a onde ten a súa chegada ás 10:34. Agora, a capital comarcal xa ten 3 trens directos, ida e volta, e con transbordo, 4 de ida e 3 de volta.
Récord de viaxeiros Ademais, segundo os datos do Ministerio de Transportes, a estación de tren de Vilagarcía superou o récord de viaxeiros do 2023, cun crecemento de 6% no número de usuarios, que fan que se superara o millón de pasaxeiros no 2024. Grazas a estes bos datos, a terminal de Vilagarcía consolídase como a sexta estación máis importante de Galicia, unicamente por detrás das grandes cidades: Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra.
“O tren, sumado á nosa ampla oferta cultural os 365 días do ano, así como aos nosos recursos naturais, patrimoniais, históricos e paisaxísticos, fan que Vilagarcía teña un modelo turístico moi interesante para Europa, o de “citybreaks” ou turismo de escapadas”, comentou Carou.
Este é a forma de viaxar que se está popularizando nos principais países da nosa contorna: son viaxes de curta duración (máximo 3 noites), que non substitúen ás vacacións habituais e que se soen realizar fora da tempada turística, “conseguindo deste xeito a ansiada desestacionalización”, conclúe o concelleiro de Turismo.