CULTURA
Créase un formulario único para que as asociacións e comisións de festas poidan solicitar a actuación da Banda de Música Municipal Vilagarcía, 24 xaneiro 2025.- A concellería de Cultura, dirixida por Sonia Outón, vén de crear un formulario específico para que as asociacións veciñais e comisións de festas poidan solicitar a actuación da Banda de Música Municipal este 2025, no marco do convenio que firma anualmente co Padroado da Banda de Música de Vilagarcía. O obxectivo desta decisión é “facilitar e ordenar o trámite. Anteriormente, facíase a través dunha instancia xenérica, agora créase unha solicitude concreta para este fin”, explicou a concelleira.
As solicitudes pódense descargar dende a web municipal ou por sede electrónica e presentarase por rexistro municipal a partir de mañá sábado 25 de xaneiro. As solicitudes enviadas en instancia xenérica previamente a estas datas, serán válidas, pero a partir de agora, só se atenderán as recibidas a través do novo formulario.
Deberase indicar o formato (pasarrúas/procesión ou concerto popular), así como a asociación solicitante, a parroquia á que pertence, a data e a hora da actuación. O prazo de presentación remata o 31 de marzo de 2025 ás 23:59 horas.
O Concello de Vilagarcía e a Banda de Música acordaron para este ano un total de 24 actuacións que se celebrarán no termo municipal con motivo das diferentes celebracións. Deste xeito, realizarase polo menos unha actuación por parroquia e tamén se terá en conta a orde de entrada das solicitudes. Aquelas comisións que non presenten a solicitude en prazo entrarán nunha lista de agarda por si houbera cancelacións. Neste sentido, as actuacións anuladas por causas xustificadas deben comunicarse á Banda Municipal con 48 horas mínimas de antelación á data prevista de actuación.
Estas actuacións terán unha duración de entre 45 e 60 minutos e celebraranse sempre en sábado, domingo ou festivo.
Ao tratarse dun novo formulario, o persoal da concellería de Cultura atenderá calquera dúbida ao respecto a través do correo cultura@vilagarcia.gal ou no teléfono 986 51 26 00. Tamén a través do correo da Banda de Música Municipal concertbandvilagarcia@gmail.com .