OBRAS E SERVIZOS
A reforma integral da rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán, recibirá un investimento de 800.000 euros Os problemas que presenta a rúa Bouza de Abaixo, en Vilaoxán, con continuas roturas do vial, non se solucionan con "parcheos", posto que esta vía, que une a estrada a Cambados co parque de dona Concha atravesando todo o casco histórico da vila, presenta a mesma casuística que a rúa Sobrán: as características do seu subsolo, con numerosos ocos que provocan o afundimento da capa de rodaxe. De aí que a reforma de Bouza teña que ser integral e iso significará un investimento próximo aos 800.000 euros, unha cifra sensiblemente superior aos 450.000 euros que custou a rúa Sobrán, tamén en Vilaxoán, ou os 600.000 previstos para Conde de Vallellano, en pleno centro de Vilagarcía, o que dá unha idea da magnitude da obra a realizar.
25.01.2025. O proxecto, xa realizado, está pendente da súa validación pola Deputación de Pontevedra, posto que foi presentado ao plan Ágora, a través do que se financian a redacción este tipo de estudos. O Concello, mentres tanto, xa traballa na súa financiación, para proceder despois á súa licitación e execución, xa que é unha das prioridades do goberno de Alberto Varela.
Mentres tanto, será necesario facer pequenas intervencións que axuden a consolidar a rúa e garantan a seguridade vial e peonil, pero coa certeza pode ter a veciñanza de que o compromiso do goberno municipal é firme para solucionar os problemas estruturais desta característica rúa vilaxoanesa que arranca da estrada a Cambados e conclúe no parque de dona Concha, pasando por un elemento patrimonial único como é o pazo de Pardiñas; en total, algo máis de 300 metros lineais que precisarán dun dos maiores investimentos feitos na maioría das rúas de todo o termo municipal de Vilagarcía de Arousa.