TURISMO
Vía libre para a apertura do albergue de peregrinos do Carril dentro da Rede Pública do Camiño de Santiago O albergue de peregrinos do Carril, un moderno edificio levantado sobre a estrutura abandonada da ampliación da casa da cultura, comezará a funcionar antes do verán. Isto será posible despois de que o último trámite que restaba, a exposición pública do convenio entre Concello e Xunta, rematara sen ningún tipo de alegación. Deste xeito, o alcalde, Alberto Varela, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, asinarán o pacto nos vindeiros días, segundo se acordou coincidindo coa presenza de ambos na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur.
25.01.2025. Dende ese momento, o albergue carrilexo pasará a formar parte da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago. Será tamén entón cando a Axencia poida concretar coa empresa a quen encomendada a xestión da rede a instalación do mobiliario e demais aparellos e a dotación do persoal, que é a parte que asume o goberno autonómico. O concello, pola súa banda, aporta o edificio, que supuxo un investimento de 600.000 euros e que agora cede á Xunta por 30 anos. Tendo en conta a experiencia da empresa, e o avanzado dos trámites, é moi probable que a apertura do albergue poida adiantarse sobre o prazo previsto, amplo por prudencia. Todas as licencias que sexan necesarias, formalización do seguro, mantemento e conservación, promoción, ademais da xestión diaria do centro serán de competencia autonómica.
Dende o goberno local resáltase a boa sintonía que houbo entre o alcalde e a Axencia de Turismo dende que Merelles asumiu a súa dirección, o que permitiu desbloquear unha negociación que se dilatou durante meses por diversas discrepancias. Con todo, o convenio prevé unha comisión de seguimento para analizar e resolver calquera dúbida na execución do pacto.
O albergue é unha peza fundamental na estratexia turística do Concello. No en vano, en Vilagarcía naceu a Ruta Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla nos anos sesenta do século pasado, moito antes do despegue do fenómeno xacobeo como un dos estandartes turísticos de Galicia. E esta non é unha ruta calquera, senón a primeira, a orixe de todos os camiños. Aos seus valores e atractivos intrínsecos únese agora a conexión directa con Madrid, a tres horas e un café, por ferrocarril, polo que as expectativas que se abren son excelentes para dar un novo pulo ao turismo en Vilagarcía e en Arousa.
O edificio da rúa Santiago do Carril ten unha superficie de 443 metros cadrados e unha capacidade de 30 persoas con todo o necesario para dar o mellor servizo aos peregrinos: recepción, botiquín, zonas de estar, aseos, duchas, taquillas, dormitorios, lavandería, almacén, gardabicis, terrazas e zona verde. Por suposto, cumpre con todas as normas de accesibilidade e eliminación de barreiras. E, ademais, ofrece unhas vistas únicas sobre O Carril, Vilagarcía, Cortegada e toda a ría de Arousa, que o converten nun dos mellores albergues de Galicia.