DEPORTE
Vilagarcía acollerá a Copa Galicia de BTT e aspira a ser sede do Campionato Galego en 2026 O monte Xiabre acollerá o vindeiro 9 de febreiro a IV proba da Copa Galicia de BTT organizada polo Club Arousa Bike, na que participarán ata 300 ciclistas vidos de toda Galicia. A inscrición xa está aberta e pecharase o mércores 5 de febreiro.
27.01.2025. O circuíto, que foi presentado este mediodía no concello, terá un percorrido 6 km polo entorno de Xiabre-Castroagudín, e conta cun desnivel duns 180 metros. Trátase dunha proba moi dura pero nun entorno inmellorable, en palabras do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. "As expectativas están moi altas. O ano pasado a proba de Vilagarcía foi a que máis afluencia de público tivo, de feito, houbo que abrir un segundo prazo de inscrición", explicou Muñiz. De feito, o número de prazas crece este 2025 das 250 ás 300, para poder dar cabida a toda a demanda que se espera.
O responsable do Club Arousa Bike, David Janza, destacou que se trata dunha boa oportunidade para participar nunha proba do máis alto nivel nun espazo que paga moito a pena. Ademais, engadiu que as condicións do circuíto son as mais adecuadas para garantir a seguridade dos participantes, xa que non hai que temer a formación de barro que poida facer esbarrar os ciclistas.
A boa acollida da proba, a idoneidade do entorno no que se celebra e a relevancia de Vilagarcía a nivel deportivo fan que a Federación de Ciclismo estea estudando a posibilidade de que a vila acolla o ano que vén a celebración do Campionato Galego de BTT, que este 2025 disputarase en Muros.
Unha noticia que foi celebrada polo alcalde Vilagarcía, Alberto Varela, que destacou "o bo momento que está a vivir a localidade, que non para de crecer e consolidarse como un referente en todos os niveis, tamén no deportivo". Neste sentido, felicitou expresamente a gran actividade do Club Arousa Bike, malia súa xuventude.
Fins solidarios A IV Copa Galicia de BTT ten, ademais, un marcado carácter solidario, xa que os cartos recadados irán destinados á Asociación Española contra o Cancro (AECC). "Non só estamos falando dun evento moi importante a nivel deportivo, senón que Vilagarcía demostra unha vez máis o seu carácter solidario", destacou o alcalde.
"Cos fondos recadados neste tipo de eventos os pacientes de cancro están cada vez mais preto de cumprir co noso obxectivo: que no 2030 o 70% dos doentes teñan unha mellor calidade de vida", rematou Loli Crespo, a representante da AECC.