DEPORTE
O Concello investirá 164.000 euros na mellora da pista de atletismo para que poida volver a acoller competicións oficiais Vilagarcía, 29 de xaneiro 2025.- A Fundación de Deportes investirá 164.000 euros en reformar a pista de atletismo de Fontecarmoa co obxectivo de que poida volver a acoller competicións oficiais, cumprindo así cos requisitos que demanda a Federación Española de Atletismo. As obras, que teñen un prazo de execución de tres meses, van dende a reparación do pavimento , á adaptación da sinalización, pasando polo repintado das pistas ou o cambio na iluminación, que se considera insuficiente.
O alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Deportes, Carlos Coira, presentaron esta mañá o proxecto que consideran “é fundamental para Vilagarcía”: “Levamos meses traballando nesta actuación, en conversas tanto coa Federación Galega de Atletismo como coa Federación Española, que teñen moito interese en recuperar a pista”, apuntou o alcalde. Neste sentido, Alberto Varela sinalou que a vila “ten unha situación estratéxica excepcional, con bos accesos que a converten nun sitio idóneo para celebrar competicións”.
Deste xeito, a de Vilagarcía sería a cuarta instalación homologada na provincia na que poder organizar probas, tendo en conta as pistas de Vigo, Pontevedra e A Estrada. “Esta remodelación repercutirá na vila, porque atrae tanto a deportistas como a acompañantes que poidan vir ver as competicións; ao Club de Atletismo Mazí, que poderá organizar probas aquí; e tamén aos deportistas que, ata o de agora, estaban indo a competir a outros concellos da contorna”, explicou Carlos Coira.
A pista foi inaugurada no 2001, sendo un referente na comarca xa que acolleu campionatos oficiais dende a súa posta en marcha. Lamentablemente, o desgaste do complexo levou a que perdese esa habilitación, a pesares de que o executivo municipal realizou varias inversións para manter o conxunto, a última en 2023 co cambio da gaiola de lanzamento de peso e martelo, que custou 34.000 euros.
Agora, o Concello busca revitalizar o conxunto cunha serie de actuacións que a deixarán “practicamente como nova”, tal e como sinalou o edil de Deportes. O proxecto incluirase na partida do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación.
Pavimentado, repintado e iluminación
Unha das actuacións máis relevantes levarase a cabo nas pistas, onde se detectou que o estado do pavimento presenta irregularidades e o caucho co que está feito está desgastado polo uso. A zona de xavelina ten áreas que están rotas e polo tanto procederase a recortalas para poder complementalas co mesmo material, caucho proxectado. Na área de saltos horizontais, a pista encóntrase lixeiramente afundida, polo que se instalará un pavimento de caucho prefabricado.
Tamén se levará a cabo un repintado xeral das liñas delimitadoras das rúas, da de meta e doutras sinalizacións necesarias. As marcas das zonas de relevos e as chapas que as sinalizan non están conforme ao regulamento vixente, polo que se eliminarán as que creen confusión.
Outra zona de actuación son os fosos de caída de saltos horizontais, que agora se atopan ocultos por terra e herbas. Levarase a cabo unha limpeza para que queden ao mesmo nivel que a superficie do corredor. Tamén se colocarán novas táboas de batida coas súas correspondentes tapas.
Acometeranse obras de mellora nos círculos de lanzamento e de peso, substituíndo os tres contedores existentes e fixándoos correctamente ao chan. Na zona de area reemplazarase o traveseiro do obstáculo e corrixirase a posible diferenza de altura para axustarse á requirida para as carreiras.
Finalmente, detectouse que a iluminación é insuficiente en xeral en toda a instalación, polo que se instalarán novos proxectores LED, retirando os báculos existentes.
O edil de deportes, Carlos Coira, apuntou que “é posible” que a pista poda seguir sendo utilizada polos deportistas mentres duren as obras, xa que as melloras iranse facendo por partes co obxectivo de que estean completamente finalizadas en setembro deste ano. Con todo serán os técnicos responsables de seguridade na obra os que dirán cando a compatibilidade é posible.