OBRAS E SERVIZOS
A segunda fase de Aquilino Iglesia permitirá crear un novo aparcamento de 1.750 metros cadrados Vilagarcía, 29 de xaneiro de 2025.- O Concello de Vilagarcía vén de encargar a redacción da segunda fase do proxecto de mellora na rúa Aquilino Iglesia Alvariño, localizada no barrio dos Duráns. Estas actuacións incluirán a apertura dun novo aparcamento disuasorio de 1.750 metros cadrados que poderá acoller uns 90 vehículos. Paralelamente, rematarase coa humanización desa rúa coa construción de beiravías.
No 2024 finalizou a primeira parte do proxecto na rúa que agora encara a súa segunda fase. Naquel momento, inverteuse en cambiar completamente a vía, que pasou a ser de prioridade peonil co cambio do firme. Tamén se colocaron bancos, papeleiras, xogos para os cativos e mellorouse a iluminación e o saneamento.
Esta segunda fase inclúe a humanización dun espazo de outros 476 metros cadrados máis, entre os cruzamentos das rúas Eduardo Pondal e Otero Pedrayo.
Tamén se construirá un novo aparcamento disuasorio nunha finca particular que se atopa xusto enfronte do parque infantil dos Duráns e que foi cedida temporal e gratuitamente ao Concello. Ten unha extensión de 1.750 m2, o que permitirá crear unhas 90 prazas de aparcamento. O Concello habilitará a zona coa apertura dos accesos e a adecuación do firme. Cabe recordar que ao final desta mesma rúa atopase outra zona de estacionamento que ten en torno a cincuenta prazas.
O goberno municipal continúa así apostando pola creación de aparcamentos disuasorios na contorna da vila para facilitar o acceso aos servizos do centro da localidade, diminuíndo o tráfico rodado e incrementando a seguridade dos peóns. Foi unha idea novidosa que se vén desenvolvendo dende hai uns anos e que logo se estendeu a outros municipios galegos. Desta maneira, solares que están pendentes de desenrolo urbanístico convértense en zonas de estacionamento alternativas grazas aos acordos do goberno cos propietarios.