CULTURA
A música de Quique González, Tulsa e Escuchando Elefantes, protagonistas da nova edición do “Achégate ao Salón!” Vilagarcía, 30 de xaneiro 2025.- O Concello de Vilagarcía vén de presentar a oitava edición do popular ciclo musical “Achégate ao salón!”, grazas ao cal os veciños e veciñas poderán gozar da música en vivo os domingos pola mañá, a partir das 12:30 horas, no Salón García. Este ano os artistas invitados son Quique González & Toni Brunet, Tulsa e Escuchando Elefantes, que actuarán nos meses de febreiro, abril e maio, respectivamente.
Esta iniciativa naceu no ano 2016 e pronto se converteu “nun evento consagrado e popular” de Vilagarcía. Polo escenario do Salón García pasaron recoñecidos intérpretes como La Bien Querida, Nacho Vegas, Mikel Erentxun ou Alice Wonder, entre moitos outros. “Buscamos crear unha proposta alternativa, que saia do habitual, fóra da tempada de verán e levando a música a outros espazos”, explicou esta mañá o alcalde, Alberto Varela, durante a presentación do evento.
“É un ciclo totalmente asentado que mantén a mesa liña que nos anos anteriores. De feito, sabemos que hai moitas persoas atentas á presentación do cartel deste ano e á venda de entradas, que soen esgotarse rápido ”, comentou a concelleria de Cultura, Sonia Outón.
Concertos
Quique González & Toni Brunet serán os encargados de abrir o ciclo cun concerto o 16 de febreiro. Trátase dunha cita que haberá que marcar en vermello no calendario, xa que supón o regreso aos escenarios do artista madrileño que conta con milleiros de fans. Farao en compañía do produtor e guitarrista, Toni Brunet, colaborador habitual non só de Quique González, senón tamén de Coque Malla, Miguel Ríos ou Andrés Suárez. Será un concerto moi especial no que farán un repaso polas cancións máis míticas do artista como “Vidas Cruzadas” ou “Charo”, entre moitas outras.
O 23 de marzo collerá o testemuño Tulsa, o grupo capitaneado por Miren Iza que ten colaboracións con destacados artistas españois como Leiva ou Enrique Bumbury. O percorrido desta cantante comezou nos anos 2000 formando parte do grupo “Elektrobikinis”, do que posteriormente se desvinculou para continuar a súa carreira en solitario. Un comezo de ano moi doce para esta compositora que vén de gañar o Premio Nacional de Músicas Actuales 2024 que concede o Ministerio de Cultura e Deporte polo seu álbum “Amadora”.
Finalmente, o 6 de abril, tocaralle a quenda a Escuchando Elefantes, un grupo de orixe galega formado por Carlos Tajes e Sílvia Rábade no 2012. Conta cunha ampla traxectoria que inclúe actuacións nalgúns dos festivais galegos máis importantes: O Son do Camiño, o Morriña ou o Caudal Fest. Será unha oportunidade única para desfrutar das letras deste grupo que aposta pola música de autor, implicándose en todo o proceso creativo, dende a composición ata a gravación dos vídeoclips.
Venda de abonos e entradas
Os abonos para o ciclo musical están á venda en Ataquilla.com dende hoxe e ata o 10 de febreiro. O prezo é de 25 euros para o público xeral e de 15 euros para menores de 16 anos e desempregados. “O abono funciona moi ben porque che permite desfrutar de tres concertos por un prezo moi económico. Ademais, aínda que non coñezas a todos os artistas, axúdache a descubrir a novos grupos e diso trata o ‘Achégate ao salón!’”, explicou Sonia Outón.
A partir do 11 de febreiro sairán á venda as entradas individuais, cun prezo de 12 euros para todos os públicos e 6 euros no caso das bonificadas. Tamén se poderán mercar o mesmo día do concerto no Salón García a partir das 10:30 horas, sempre e cando non se esgotasen na web.