CONCELLO
Vilagarcía contará cunha nova Estación Marítima que dará acollida a peregrinos no peirao de pasaxeiros Vilagarcía, 1 de febreiro 2025.- O Concello de Vilagarcía contará cunha nova Estación Marítima á altura da súa importancia. A Xunta de Galicia presentou esta mañá o plan de rehabilitación do peirao de pasaxeiros, co que se derrubarán os edificios existentes e se levantará un novo espazo que dará acollida aos peregrinos marítimos que fagan a Ruta Traslatio pola ría. Trátase dun proxecto que leva anos sendo reclamado polo goberno de Alberto Varela e que por fin verá a luz.
“A concellería de Turismo levaba dende o 2020 facendo fincapé na necesidade dunha Estación Marítima en Vilagarcía, incluso en conversas coa anterior presidenta da Autoridade Portuaria, Begoña Mesejo” recordou esta mañá o alcalde, Alberto Varela durante a presentación do plan de actuación.
“Despois de moitos anos de insistencia, hoxe por fin vemos como o molle de pasaxeiros está máis preto que nunca de converterse nunha terminal á altura da vila máis grande da comarca”, apuntou o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou.
A obra prevé derrubar os dous edificios actuais e levantar un novo na zona na que se atopa agora o do antigo Liceo. Constará de dúas plantas, unha recepción onde proporcionar información aos visitantes e unha zona de descanso con cafetería, ademais dunha tenda con produtos gourmet.
O exterior tamén mudará por completo, xa que se creará un espazo axardinado onde se colocará unha estatua de Manolo Paz co título “Mar e Vento”. O investimento ascende a 791.000 euros con cargo aos fondos Next Generation. As obras comezarán inmediatamente e serán levadas a cabo pola empresa Citatias.
“Con este proxecto, e a posta en marcha proximamente do Albergue de peregrinos do Carril, aumentarase o potencial da Ruta Mar de Arousa”, apuntou Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia.
Un novo embarcadoiro “O conxunto completarase coa construción dun novo embarcadoiro para que os catamaráns poidan atracar máis comodamente”, indicou José Manuel Cores Tourís, presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Deste xeito, os turistas poderán visitar a nova Estación Marítima para coñecer o valor patrimonial da comarca e logo saír ao mar para visitar as bateas, a illa de Cortegada e o resto da Ría de Arousa.
Neste sentido, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia que está tendo o turismo náutico na nosa comunidade e a necesidade de adaptar os espazos para poder ofrecer unha experiencia de calidade: “Este tipo de ocio ten cada vez máis forza e debemos aproveitalo adecuando as instalacións e convertendo Vilagarcía nun referente”, asegurou.